XOAN CURIEL OFRECE O SEU CONCERTO INFANTIL “ESTAMOS NO VERÁN!!!” NO CAMPO DA FEIRA

posted in: Novas Concello | 0

O cantautor e actor galego Xoán Curiel, presentará coa súa banda Son+d2 o concerto Estamos no verán!!! no Campo da Feira de Carral. A actuación, incluída no programa Cultura no Camiño que promove a Xunta de Galicia e no que colabora o Concello de Carral a través da súa concellería de Cultura, vai dirixida a un público familiar na que os rapaces gozan cun repertorio divertido e entrañable.Estamos no veran- Xoan Curiel-web
O concerto terá lugar o domingo 30 de agosto, ás 19:00 h, diante da Casa do Concello. No caso de dificultades meteorolóxicas trasladarase ao edificio Toñito Espiñeira.
Xoán Curiel é un recoñecido cantante galego que leva acumulada unha extensa traxectoria como compositor e intérprete, con cancións de diversos estilos (pop, rock, funky e músicas do mundo). Capaz de facer nas súas composicións ácidas críticas á situación do mundo actual, tamén sabe elaborar repertorios que encaixan cos gustos do público infantil e xuvenil. Co espectáculo Estamos no verán!!! Xoán Curiel está percorrendo a xeografía galega para compartir con nenos e nenas o tempo e ledicia das vacacións estivais. É un concerto divertido e participativo no que rapaces e maiores gozarán cantando e bailando.