XABIER CID RECIBIRÁ O PREMIO DE POESÍA DE CARRAL E XOSÉ LUIS MOSQUERA PRESENTARÁ O LIBRO CO QUE GAÑOU O PASADO ANO

posted in: Novas Concello | 0

Cartel acto Poesía Carral 2018.A Casa da Cultura de Carral acollerá este venres, ás 20:30 h, o acto do 21º Certame de Poesía Concello de Carral, no que se lle entregará o premio a Xabier Cid por gañar esta edición co seu libro As bicis, e no que tamén se presentará a publicación do gañador do ano pasado, Das árbores tropicais e do amor  de Xosé Luís Mosquera Camba.

O acto estará presidido polo alcalde José Luis Fernández Mouriño, e contará tamén coa participación do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, do escritor e editor Miguel Anxo Fernán Vello, e de Verónica Martínez, membro do xurado da presente edición.

O Grupo Ouriol pechará o acto co espectáculo A maxia das palabras, un recital multidisciplinar –música, poesía e pintura- que ten como núcleo central da súa realización unha escolla da obra poética de María Victoria Moreno, autora homenaxeada co Día das Letras Galegas 2018. O espectáculo consiste no recitado dos poemas por parte da poeta e comunicadora Eva Veiga, ao tempo que os músicos Bernardo Martínez (percusión e xoguetes musicais) e Fito Ares (frauta e saxo soprano) interactúan de forma instantánea coa palabra a través das suxestivas sonoridades dos instrumentos. Asemade, durante o recital proxéctanse as imaxes realizadas para o evento polo artista Alfonso Costa.

Ao igual que en todas as edicións deste premio, o Concello de Carral, grazas á colaboración da Xunta de Galicia, agasalla aos asistentes o libro que se presenta. Nesta ocasión Xosé Luís Mosquera Camba poderá dedicarllo aos participantes no acto.