VOLUNTARIOS INTERNACIONAIS INTERVEÑEN NO CASTRO DAS TRAVESAS

posted in: Novas Concello | 0

Voluntarios británicos, belgas, franceses e españois que están a traballar no Castro das Travesas co programa Working Holidays, comezaron as súas tarefas de limpeza.

Baixo a dirección do arqueólogo Antón Malde, o grupo internacional de voluntarios recibiu primeiro unha explicación da importancia histórica deste emprazamento da idade de ferro, e a súa evolución na etapa da romanización durante os mil anos nos que estivo poboado.

O Alcalde de Carral Jose Luis Fernández Mouriño, deu o pasado luns a benvida ós 14 participantes ao campamento internacional de traballo no Castro das Travesas.Working Holidays Carral - 2015 - 59-web

O programa, organizado co apoio de Tesouros de Galicia, ten por obxectivo a limpeza da contorna do castro, un dos máis grandes da provincia da Coruña, dentro dun proxecto trianual que nos próximos anos avanzará nas tarefas de escavación.  O proxecto está dirixido polo arqueólogo Antón Malde, que acredita unha longa experiencia en diferentes escavacións. En concreto, no caso das Travesas foi responsable dos primeiros traballos de escavación, nos que atopou restos que ratifican a importancia especial deste asentamento. Ademais do seu tamaño, estimase que estivo poboado durante uns mil anos (dende o 500 A.C. ata o 500 D.C), e os achádegos demostraron que foi un punto de comunicación estratéxico. Non só a nivel galego, senón como referencia nas comunicacións coas illas británicas. Na Colección Visitable de Carral pódese ver un anel feito hai mil anos no norte de Inglaterra, algunhas moedas romanas usadas nas illas, así como restos de lanzas, vasillas e outros indicios de importancia.

O grupo de voluntarios xa visitou a Colección Visitable do Castro das Travesa, onde puideron contemplar os achádegos da última escavación, así como un vídeo no qué se fai unha reconstrución virtual do castro. Tamén visitaron o obradoiro arqueolóxico co que o Concello de Carral apoia os traballos máis delicados, unha vez que se atopan calquera tipo de peza.

O programa acadou o interese de participantes británicos e franceses, membros da rede dos National Trust á que pertence Tesouros de Galicia. O atractivo da iniciativa ven ratificado polo grande interese dos participantes voluntarios, que aportan non só o seu traballo, senón tamén pagan os seus gastos de desprazamento e unha matrícula. O resto dos custos son cofinanciados polo Concello de Carral, de diste xeito fai unha difusión internacional deste recurso patrimonial.