UN REFORZO NA SEGURIDADE VIARIA DE TABEAIO E CARRAL A TRAVÉS DA ELEVACIÓN DE PASOS DE PEÓNS E A INSTALACIÓN DE SEMÁFOROS

posted in: Novas Concello | 0

Os núcleos de Tabeaio e Carral verán reforzadas as súas condicións de seguridade viaria coa elevación de pasos de peóns, a instalación de semáforos, a colocación de iluminación e de nova sinalización. Estas intervencións realizaranse a través dun convenio coa Deputación da Coruña e supoñerán resolver os problemas de accesibilidade, seguridade e visibilidade en varios puntos do termo municipal. En concreto, por medio do acordo co ente provincial, actuarase nun total de dez sendas: sete delas son as situadas na N-550, entre os núcleos de Tabeaio e Carral, e outras tres correspóndense coas situadas nas zonas escolares e no centro de saúde.

Con estas actuacións, o goberno local busca “ mellorar as condicións de seguridade viaria non municipio, dándolle unha maior prioridade aos peóns fronte aos vehículos”.

Por unha banda, instalaranse semáforos con pulsador no primeiro e o último paso de peóns de Tabeaio, así como no último da zona de Carral en dirección Santiago. Polo outro, no resto de sendas da Nacional dispoñerase un sinal luminoso de peóns e colocaranse, ademais, focos que iluminarán a travesía, garantindo así unha maior visibilidade e seguridade para os viandantes. A maiores, pintarase o cebrado do asfaltado doutro dos pasos peóns da zona centro de Carral, ao atoparse a capa actual en mal estado.

Estas obras completaranse coa colocación de bolardos no sentido da marcha dos vehículos. Con esta última actuación búscase evitar que aparquen cara á dereita da estrada e dificulten a visibilidade dos peóns que se dispoñen a atravesar a calzada.

Nos pasos de peóns fóra da Nacional instalaranse redutores de velocidade en forma de pasos sobreelevados que se executarán in situ.

O Concello sacou a licitación estes traballos por preto de 70.000 euros. Unha vez que se adxudiquen estas obras, o prazo de execución será de dous meses.