Tag Archive for: Plan Obras e Servizos

O Concello de Carral pretende celebrar un contrato menor para o servizo de avogacía e procuradoría por presuntas irregularidades cometidas con ocasión da execución do proxecto das beirarrúas da rúa Souto de  Castiñeiros e, de ser o caso, representación procesual para interposición de querela por un importe máximo de 14.900 € + I.V.A desagregado da seguinte maneira:
– Estudo de expediente para valoración de posibilidade de interposición de querela
– Representación procesual, no seu caso, para interposición de querela que incluirá os servizos de procurador, e seguimento dos trámites ata a finalización do procedemento tanto sexa en fase de instrución como celebrado en xuízo oral
Co fin de proporcionar a maior publicidade posible á contratación e que poidan presentarse o maior número de candidatos interesados anúnciase a presente contratación para que os correspondentes profesionais poidan presentar as ofertas, cuxo prazo finalizará o próximo día 26 de xullo de 2020 ás 23:59 (hora peninsular), presencialmente (Rexistro municipal) ou ben  telemáticamente ( Sede electrónica: https://sede.carral.es ).
Para máis información en relación ao servizo para prestar e a forma de presentación de ofertas e valoración das mesmas, existe documento redactado respecto diso que se anexa ao presente anuncio (prema aquí para acceder ao documento) ou tamén recibirán información chamando ao nº de teléfono: 981.670002 (preguntar pola concelleira de Réxime Interior: Susana  Guimarey).

  • O POS servirá tamén para financiar a creación dunha zona de aparcamento en Cañás e a construción dun muro de contención de granito na zona.
  • Como parte do Plan Complementario, o Concello executará a segunda fase do saneamento na parroquia de San Vicente de Vigo.

O Concello de Carral celebrará mañá, mércores 18 de decembro ás 20.30 horas, unha sesión extraordinaria do pleno que servirá para levar o Plan de Obras e Servizos POS+ 2020 da Deputación A Coruña. Con cargo ao Plan provincial, incluíronse intervencións cun dobre obxectivo: incrementar os servizos para os veciños e veciñas e mellorar as infraestruturas e dotacións existentes no municipio. O equipo de goberno proxecta tres grandes obras que se financiarán coa axuda provincial: a mellora da senda peonil para acceso ao área recreativa da Brexa, a construción dun muro de contención de granito e a creación de aparcamento en lugar de Bacelo (Santa Baía de Cañás) e o acondicionamento do pavillón O Espiño.

Por unha banda, no caso da área recreativa A Brexa, proponse unha importante mellora no acceso (37.701,79 euros). Como parte do plan, dotarase a senda cun pavimento tipo Aripaq, un material acorde coa contorna e resistente ao tempo e ás inclemencias meteorolóxicas. Como medida para mellorar a visibilidade da senda e ampliar os horarios de uso, colocaranse balizas nesta zona. A execución desta obra supoñerá, ademais, a adaptación do percorrido para favorecer o acceso a persoas con mobilidade reducida.

Doutra banda, en Cañás, o proxecto incluirá o acondicionamento dunha zona anexa á igrexa da parroquia para o estacionamento de vehículos (38.895,01 euros). Procederase tamén á construción dun muro de bloques de granito sobre o que se colocará un cerramento constituído por malla metálica e postes.

Por último, o Concello expón o acondicionamento do pavillón polideportivo O Espiño (34.479,43 euros). Neste caso, as obras proxéctanse tanto na parte interior –onde se eliminarán as pingueiras-, como na parte exterior –con traballos de limpeza de fachadas e aplicación de pintura plástica-.

Segunda fase do saneamento en San Vicente

Doutra banda, como parte do Plan Complementario da Deputación para investimentos financeiramente sustentables, o Concello pretende continuar coa segunda fase do saneamento na parroquia de San Vicente de Vigo. As actuacións supoñerán un custo de 241.998, 68 euros.

Con este plan, o goberno dará continuidade ás obras da primeira fase –que supoñen un custo de 134.000 euros e que implican a execución de preto de 2.000 metros lineais de colector-. Esta segunda etapa implicará a dotación doutros 3.400 metros de colector. En total, o goberno local pretende instalar 5 km de saneamento na parroquia.

Posto de tesourería

O pleno servirá tamén para elevar a proposta de estatutos para a constitución dunha agrupación cos Concellos de Abegondo, Bergondo e Miño para dispoñer dun servizo de tesourería.