Tag Archive for: Camiño Inglés

O sábado, 30 participantes pateamos o tramo do camiño inglés que transcorre polo noso concello.

Realizamos un bonito percorrido por diferentes parroquias do noso concello durante case 4 horas que nos levou realizar o roteiro.

Foron máis de 12 km que nos levaron por lugares destacados do noso municipio como a área de descanso de A Lameira, ou polo albergue de peregrinos/as de Sergude, onde fixemos a correspondente parada para comer algo e tomar folgos.

Durante practicamente todo o roteiro contamos coa colaboración de protección civil de Carral, que nos axudou nos tramos máis complexos ou perigosos, xa que algunhas partes do percorrido, cruzaba vías con circulación de vehículos. Pero o realmente importante foi a satisfacción coa que os/as participantes e nos, os organizadores, rematamos esta actividade que sen dúbida nos encantou.

A OMIX (oficina municipal de información xuvenil) organiza nesta ocasión un novo roteiro, concretamente unha parte do camiño inglés que transcorre polo noso concello. A actividade que se realizará o día 14 de agosto, sábado, comezará ás 9:30 h. e a saída será desde o campo da feira. O regreso está programado no mesmo lugar sobre as 14:00 h.

Organizada para maiores de 13 anos, para participar e imprescindible anotarse. Para elo, tes que enviar a ficha de inscricción e/ou autorización por correo electrónico a omix@carral.es ou por whatsapp ó 674.793.475.

Serán un total de 13 km, e a dificultade e baixa. Debes levar calzado axeitado, auga, algo de comer e unha viseira.

O prazo para anotarse remata o 11 de agosto.

Máis de vinte persoas realizaron hoxe unha andaina por un dos treitos do Camiño Inglés de Santiago que transcorre polo municipio de Carral, co fin de reactivar esta ruta xacobea. A andaina comezou na área de descanso de peregrinos da Lameira, en Tabeaio, e rematou en Cañás

A andaina foi unha iniciativa da Asociación de Concellos do Camiño Inglés que pretende animar a peregrinar a Compostela por este roteiro, despois de que permanecera  pechado pola pandemia do Covid-19. Os alcaldes da asociación participaron nun acto en Sigüeiro (Oroso), no que tamén estivo o de Carral, Javier Gestal, mentres que outros membros do equipo de goberno, coordinados pola concelleira de Turismo, Lucía Vázquez, participaron no percorrido por Carral.

Andaina Camiño Inglés Carral - 2020 - 14w Andaina Camiño Inglés Carral - 2020 - 03w Andaina Camiño Inglés Carral - 2020 - 07w Andaina Camiño Inglés Carral - 2020 - 09w

Cartel Carral Andaina Primavera no Camiño.Carral, como municipio que forma parte da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, participará dunha andaina por un treito da ruta xacobea. Terá lugar en todos os concellos da asociación o sábado 4 de xullo ás 10:00 h.

En Carral o treito que farán os participantes dun xeito seguro será desde a área de descanso de peregrinos da Lameira, en Tabeaio, ata o cruce en Cañás do Camiño Inglés coa estrada CP-1704 a Cambre. Este percorrido, dun pouco máis de 3 km, realizarase nun tempo aproximado de 1 hora.

Para participar na andaina, as persoas interesadas deberán inscribirse antes do xoves 2 de xullo na Casa da Cultura, preferentemente chamando ao teléfono 981 672 580. As prazas son limitadas. As persoas participantes deberán facelo atendendo ás medidas de seguridade, levando máscara e chaleco reflector.

Esta iniciativa da Asociación de Concellos do Camiño Inglés desenvólvese coa intención de promover a ruta xacobea e a reactivación segura do Camiño Inglés.

Carral recibe a la Real Orden de Caballeros de Maria Pita y a su embajadora Julia Baird 2

O albergue de peregrinos de Sergude (Carral) recibiu, o domingo 1 de xullo, unha visita moi especial. En concreto, a dunha trintena de membros da Real Orden de Caballeros de María Pita e de Julia Baird, irmá de John Lennon, e desde o pasado xoves, embaixadora do colectivo. O grupo está a realizar o Camiño Inglés de Santiago, e como fixeron no 2017, decidiron facer unha parada en Carral.

No lugar foron recibidos polo alcalde, José Luis Fernández Mouriño, que lles desexou un feliz camiño, esperando que o próximo ano volvan pasar polo municipio. Recibiunos tamén a concelleira de Educación e Benestar, Florinda Duarte Gerpe, quen ademais, acompañaraos durante boa parte do traxecto.

En agradecemento polo trato brindado por parte do Concello de Carral, o maestre da Real Orden de Caballeros de María Pita, José Duarte, obsequiou ao rexedor e á concelleira cunha figura que representa a María Pita. Con todo, este non foi o único presente do día. Julia Baird aproveitou a ocasión para entregar a Fernández Mouriño o libro A luz do Camiño Inglés, unha obra na que se recompilan algúns das paraxes máis emblemáticas da ruta, moitos deles pertencentes ao municipio carralés.

Carral recibe á Real Orden de Caballeros de Maria Pita e á súa embaixadora Julia Baird

A Real orden de Caballeros de María Pita obsequiou ao alcalde, José Luis Fernández Mouriño, co libro A luz do Camiño Inglés

Un impulso para o Camiño Inglés

Durante o encontro, Baird sinalou a beleza do Camiño Inglés. Para ela, leste servirá de preludio para realizar outras rutas como a francesa ou a portuguesa. A presenza da irmá de Lennon servirá para potenciar o Camiño Inglés, unha ruta que gaña, ano tras ano, en número de adeptos. De feito, segundo indicou o máximo representante da Orden de Caballeros, José Duarte, “notouse un incremento de peregrinos enorme con respecto ao ano pasado”. Segundo as previsións do colectivo, chegarán a Santiago o martes.

A sala de exposicións do edificio social Toñito Espiñeira acolle ata o 28 deste mes unha mostra sobre o patrimonio construído do Camiño Inglés. Son 34 obras en augatinta de José IMG_4571Yañez Rodríguez, que recompilan os principais elementos arquitectónicos do Camiño  de Santiago que parte desde Ferrol e da Coruña.

Esta exposición, titulada Olladas do Camiño Inglés, está promovida pola Deputación da Coruña coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Carral.

Por mor da climatoloxía desfavorable do día de hoxe, o espectáculo Dous no Camiño, con Isabel Risco e Fran Rei, realizarase no edificio social Toñito Espiñeira á hora prevista (18:30 h).

A exposición que acompaña o espectáculo permanecerá durante toda a tarde no Campo da Feira.

Cartel Vive o Camiño CarralOs actores galegos Fran Rei e Isabel Risco serán dous peregrinos do Camiño Inglés de Santiago, que chegarán a Carral o mércores 30 de agosto, as 18:30 h. No Campo da Feira presentarán unha comedia para todos os públicos no que coñeceremos as peripecias destes dous peregrinos que se dirixen a Compostela. A obra titúlase “Dous no Camiño”.

Esta función teatral inclúese no prograna Vive o Camiño que promove a Xunta de Galicia e que en Carral conta coa colaboración da Concelleria de Cultura.

No caso de que a meteoroloxía sexa desfavorable, a obra trasládarase ao edificio social Toñito Espiñeira.

Carral estará o vindeiro sábado no evento Primavera no Camiño Inglés que se levará acabo en Betanzos. Nun stand atendido por persoal da Concellería de Cultura divulgaranse os atractivos e principais valores de Carral.

O Pan de Carral e o grupo carralés de música e canto tradicional Arnela estarán presentes tamén na carpa central, cunha degustación e unha actuación pola tarde.

O evento, que terá lugar na praza Irmáns García Naveira, enmárcase na campaña “Primavera no Camiño Inglés” coa que a Deputación da Coruña pretende divulgar os múltiples atractivos etnográficos, culturais e naturais cos que conta esta ruta, que conecta Ferrol e A Coruña con Santiago de Compostela.

“O obxectivo é unir as forzas da Deputación e dos concellos para aproveitar o enorme potencial turístico e económico deste singular camiño xacobeo que discorre integramente pola provincia da Coruña” explicou o presidente provincial, Valentín González Formoso, que o sábado será o encargado da inauguración do evento, xunto ao alcalde de Betanzos, Ramón García, a directora xeral de Turismo, Nava Castro, e varios do rexedores dos municipios polos que pasa o Camiño Inglés.

No mesmo programa de promoción deste camiño, o xoves 27 de abril, ás 20:00 h. na Casa da Cultura, o xornalista e experto nas rutas xacobeas, Cristóbal Ramírez, ofrecerá unha conferencia sobre o Camiño Inglés, falando da súa historia, evolución, potencialidades e atractivos.

Folleto Primavera no Camiño Inglés