PISTOLETAZO DE SAÍDA DOS CAMPAMENTOS DEPORTIVOS DE VERÁN, QUE SE REXEN POR UN COMPLETO PROTOCOLO DE SEGURIDADE

Desinfección de calzado, mans e medición de temperatura. Esas son as medidas de prevención ás que se someten os nenos e nenas para acceder aos Campamentos Deportivos de Verán que se están a celebrar no CEIP Vicente Otero Valcárcel e no local interxeracional. A programación arrincou hai unha semana, e fíxoo con numerosas medidas para evitar posibles contaxios por COVID-19.

DSC_2495

Como explica o goberno, “na situación actual, considerabamos necesario manter e reforzar as actividades de conciliación”. Non obstante, como sinalan desde o equipo de goberno, “a seguridade é, máis que nunca, a máxima prioridade e, por iso, reaxustouse a organización dos campamentos aplicando un completo protocolo”.

Co fin de adaptar a organización dos campamentos ás medidas hixiénicas e preventivas fixadas polos organismos sanitarios, o Concello mudou o lugar de celebración. Nesta edición, os campamentos están celebrándose no recinto do CEIP Vicente Otero Valcárcel (pavillón do colexio, pista polideportiva, patio cuberto, etc.) e no local interxeracional, sito a poucos metros do centro de ensinanza. Para acceder ao espazo, teñen que desinfectar as mans e o calzado e os monitores e monitoras encárganse de medirlles a temperatura.

DSC_2514

Adicionalmente, os maiores de 6 anos deben empregar a máscara de xeito obrigatorio, agás naqueles casos nos que os cativos e cativas presenten algunha patoloxía que impida este uso. No caso das excursións, todos os nenos e nenas, con independencia da súa idade, deberán levar a máscara de protección no autobús, tal e como indica a normativa. Unha vez dentro do recinto dos campamentos, os rapaces e rapazas están separados en grupos formados por un máximo de 10 participantes.

Un reforzo nas medidas de conciliación

Os campamentos levaranse a cabo en tres quendas. A primeira comezou a pasada semana e prolongarase ata o 24 de xullo. Ao longo das semanas, os e as participantes realizarán actividades como multideportes, baile, xogos tradicionais, actividades culturais, excursións, etc.

Con respecto a outras edicións, o Concello decidiu ampliar o período de realización dos campamentos.