PAPEQUES 2019 OFRECE 8 ESPECTÁCULOS INFANTÍS

o souto dos prodixios1cadA Concellería de Cultura do Concello de Carral ven de presentar a segunda edición do programa Papeques, que comprende espectáculos e cine para público infantil e familiar. Teatro, contacontos, películas e concertos configuran unha programación que se desenvolverá do 28 de marzo ao 12 de abril nas bibliotecas municipais, no local Xente Nova e no edificio social Toñito Espiñeira.

Todos os espectáculos son de balde e os aforos limitados. Para algúns deles será necesario retirar convites desde 48 horas antes da actividade.

Papeques comezará o xoves 28 de marzo con Un invento para chegar ao ceo, contacontos a cargo de Trinketrinke Teatro na Biblioteca da Casa da Cultura. Ao día seguinte proxectarase El bebé jefazo. O sábado 30 de marzo en Tabeaio presentarase a obra teatral O soutos dos prodixios de Producións Dispersas. A segunda sesión de cine será o xoves 4 de abril co clásico de Disney 101 Dálmatas. O primeiro espectáculo para bebés será un contacontos de Pavís Pavós na Biblioteca infantil o 5 de abril. Malasombra ofrecerá en Tabeaio un espectáculo para todos os públicos con pompas de xabón titulado Os fabulosos cleaners. Magín Blanco traerá o seu espectáculo musical Camiños ao Toñito Espiñeira o 11 de abril, e ao día seguinte, para pechar a programación, Títeres Babaluva ofrecerá un espectáculo sensorial para bebés titulado A alfombra máxica.alfonbraMaxica

O departamento de Cultura deseña este ciclo coa intención de que sexa vivido en familia. Cada función é unha aprendizaxe e un goce. É moi importante a implicación dos adultos para que os máis pequenos comprendan e asimilen os valores que se transmiten en cada espectáculo.

Tamén é importante que os pais leven os pequenos ás funcións que mellor encaixen coas súas idades. Na publicidade de Papeques distribuída polo municipio, así como na web municipal, indícase a información de cada actividade, as idades ás que se dirixe e se é necesario retirar convites previamente.

O Concello de Carral quere consolidar este programa no seu calendario anual. Nesta nova edición mudou de datas para trasladalo aos meses de marzo e abril, coa intención de mantelo nesta época do ano entre o Entroido e a Semana Santa.

Para algúns dos espectáculos cóntase coa participación da Deputación da Coruña, a través da súa Rede Cultural.

Programa Papeques 2019