OS VECIÑOS E VECIÑAS DE CARRAL ELIXEN O NOME RÚA DAS PANADEIRAS PARA BAUTIZAR UNHA RÚA DO MUNICIPIO

O Concello de Carral bautizará unha rúa do municipio co nome de rúa das Panadeiras. Esta foi a proposta veciñal máis votada no proceso participativo que o Concello puxo en marcha para conmemorar o Día da Muller. A iniciativa realizouse a través da app Coida Carral, e recibiu unha vintena de proposicións e máis de 200 votos.

O goberno local sinala que a intención deste proceso de participación era “levar a igualdade ás rúas e conseguir que houbese máis puntos do municipio cun nome de muller”. O executivo celebra a elección da cidadanía, sobre todo tendo en conta que “enxalza o labor e a tradición dun colectivo fundamental para Carral como son as panadeiras”.

Desde o equipo de goberno indican que o bautismo se realizará en canto se atope o lugar adecuado e atendendo á evolución da situación sanitaria.