O XIX CERTAME DE POESÍA “CONCELLO DE CARRAL” PRESENTOUSE ANUNCIANDO UN AUMENTO NA SÚA DOTACIÓN ECONÓMICA

posted in: Novas Concello | 0

Presentación Certame Poesía Carral 2016 -  - 08 - wO alcalde de Carral presentou esta mañá as bases da décimo novena edición do premio poético “Concello de Carral”.
José Luis Fernández Mouriño, acompañado do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e do director de Espiral Maior, Miguel Anxo Fernán Vello, presentou na Casa da Cultura a nova edición do certame poético, que continúa co obxectivo de contribuír ao descubrimento e consolidación dos autores en lingua galega.
O alcalde salientou a colaboración que ofrece a Consellería de Cultura e Educación, a través das súas secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística, que serve para que a Editorial Espiral Maior publique na súa colección de poesía o libro Soño e vértice de Eva Veiga, que obtivo o premio na pasada edición. O libro presentarase no acto de entrega do premio deste ano, previsto para o 27 de maio. Fernández Mouriño resaltou a traxectoria que leva acumulada o concurso, e a intención de fornecelo co aumento no premio económico que chega nesta edición aos 2.500 euros.
Pola súa banda Anxo Lorenzo resaltou tamén a traxectoria deste certame que está servindo para demostrar a consolidación dunha xeración de poetas que están nutrindo de saúde a literatura galega. Fixo fincapé que o certame de Carral, aínda que non é dos que teñen un premio económico dos máis elevados, si é dos que maior prestixio lle outorga a quen o recibe, dada a importante relación de autores e autoras gañadoras. Manifestou a vontade da Consellería de Cultura de apoiar este concurso dado o valor cultural que supón ofrecer posibilidades de publicar obra aos autores galegos á vez que se dá posibilidades á cidadanía para ler poesía.
Pola súa banda, Miguel Anxo Fernán Vello manifestou o especial cariño que lle ten a este concurso, xa que desde o seu nacemento estivo vencellado a el, vendo como foi medrando e como gran parte dos escritores galegos de éxito teñen no seu haber este premio. Salientou a circunstancia de que as tres últimas gañadoras foran mulleres e aproveitou a súa intervención para felicitar ao alcalde pola labor cultural que desenvolve o Concello de Carral, estando recoñecida na comarca coruñesa e en Galicia.
Esta nova edición do certame contempla un prazo para presentar exemplares aberto ata o 9 de abril. Poderán presentar obras os autores e autoras maiores de idade, con poemarios cun mínimo de 500 versos escritos en lingua galega.
O premio entregarase o 27 de maio, dentro dos actos das Letras Galegas en Carral, no que ademais se prevé a presentación do libro gañador da décima oitava edición do concurso, titulado Soño e vértice, do que é autora Eva Veiga.
Para ampliar información, os interesados poden dirixirse á Casa da Cultura de Carral, no teléfono 981 672580, ou a través da web www.carral.es.

Bases XIX Concurso de Poesía Concello de Carral