O TORNEO DE TIRO CON ARCO “ CONCELLO DE CARRAL” CUMPRE 10 ANOS

Máis de medio centenar de arqueiros acudirán este sábado unha nova edición deste clásico torneo do Nadal.

23717842576_f0f4e9d2e3_kO sábado 16 de xaneiro, disputarase no pavillón municipal  do Espiño a 10ª edición do “Trofeo de tiro con arco “ Concello de Carral”. Este evento está organizado polo Concello de Carral xunto co club Arqueiros do Adarve e persegue o fomento unha práctica deportiva saudable entre os máis novos da localidade  carralesa.

Na competición deste sábado tomarán parte 9 escolas deportivas de diversos puntos da xeografía galega como A Coruña, Teo, Arzúa, Ordes, Laracha, Vimianzo, Betanzos, Lugo e, por suposto, a escola deportiva de tiro con arco de Carral. En total o evento acollerá a máis de 50 arqueiros.

Está previsto que o evento, comece sobre as 17.00  h. con deportistas de idades comprendidas entre os 7 e os 55 anos. A competición cun formato por puntuación, constará de 7 categorías que agrupaban a todos os arqueiros; Esquío,  Benxamíns, Alevíns, Infantís, Cadete, Noveis (masculino e feminino) e  Sénior (masculino e feminino).

Espérase rematar o torneo, ao redor das 19.00  h, momento no que todos os participantes poderán degustar uns “entremeses” ofrecidos polo club, mentres os xuíces do acto dirimen as puntuacións finais. Unha vez aclarados os postos, farase entrega dos trofeos aos tres mellores arqueiros de cada categoría.

Para máis información,  os interesados poden dirixirse á Casa da Cultura de Carral, no teléfono 981. 672.580 ou no  mail deportes@carral.es.