O TOÑITO ESPIÑEIRA ACOLLE UNHA EXPOSICIÓN DE FOTOGRAFÍA E POESÍA

posted in: Novas Concello | 0

O Consorcio das Mariñas e o Concello de Carral presentan a exposición Territorio Acoutado, da que son autores Carlos Lorenzo e Olga Patiño. A mostra inaugurarase o venres 24 Cartel Territorio Acoutado - Carral.de novembro, ás 20:30 h, na sala de exposicións do edificio social Toñito Espiñeira de Carral.

Territorio Acoutado é un proxecto poético-fotográfico no que a poeta e o fotógrafo interactúan nos seus procesos creativos e dan como resultado un poemario e unha colección de 21 imaxes, que se presentan ao público emparellando poemas e fotos. O xermolo son as lembranzas de Olga Patiño dos seus períodos de vacacións que de nena pasou en Carral. Desde ese punto de partida foron creando Territorio Acoutado, que se materializa nunha exposición e nun libro editado por Edicións Espiral Maior. Os poemas enraízan no Carral de hai unhas décadas e as fotografías, difusas e imprecisas, captan un Carral recente e transformado.

Olga Patiño Nogueira é unha poeta galega con catro poemarios publicados en solitario, incluída en múltiples antoloxías  e obras colectivas, e con traxectoria no eido da tradución e da dirección teatral. Pola súa banda o fotógrafo Carlos Lorenzo Pérez é técnico de Cultura no Concello de Carral. Conta con varios libros publicados, entre eles dous de fotografía, e ten no prelo outro con imaxes de Celanova.  Territorio Acoutado será o seu segundo libro no que comparte proceso creativo cun poeta.

O Consorcio das Mariñas promove esta exposición e colabora na difusión do libro levando Territorio Acoutado por todos os concellos que o conforman. Ademais está previsto que a exposición percorra múltiples localidades de Galicia e que tamén estea presente en Madrid.

Portada TERRITORIO ACOUTADOA exposición estará aberta en Carral ata o 15 de decembro, en horario de luns a venres de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 20.00 h. No acto de inauguración está prevista a presenza do alcalde de Carral, José Luis Fernández Mouriño, do presidente do Consorcio das Mariñas e alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso Miramontes, do poeta e editor Miguel Anxo Fernán Vello, e dos autores da exposición.

Obradoiro de escrita e fotografía poética

Como actividade asociada á exposición, Olga Patiño e Carlos Lorenzo ofrecerán un obradoiro para iniciar tanto na escrita como na fotografía poética. Esta actividade pretende ofrecer unhas nocións elementais sobre a escrita de poesía, sobre a fotografía poética e de como facer un traballo que xunte as dúas disciplinas.  Está dirixido a persoas maiores de 14 anos e non se requiren coñecementos previos nin de fotografía nin de poesía.

O obradoiro é de balde e realizarase na Casa da Cultura os sábados 2 e 9 de decembro, de 10:00 a 13:00 h. Para a parte fotográfica do obradoiro é suficiente con teléfono móbil con cámara. As persoas interesadas deberán inscribirse antes do 29 de novembro na Casa da Cultura.