O HUMOR FAISE UN OCO NA PROGRAMACIÓN CULTURAL DO CONCELLO DE CARRAL A TRAVÉS DO CICLO VENRES DE MONÓLOGO

O humor e a retranca faranse un oco na programación cultural do Concello de Carral a través do ciclo Venres de Monólogo, que arrincará esta mesma semana. Con respecto a outras edicións do evento, as actividades deste ano levaranse a cabo no local Xente Nova de Tabeaio e estarán suxeitas a un estrito protocolo de seguridade co fin de reducir o risco de contaxio pola COVID-19.

O monologuista Avelino González será o primeiro en aterrar no municipio. Farao con Contos de contrabando, unha historia que versa sobre como, en moitas ocasións, vivimos na marxe da lei. A actuación será o venres, 11 de setembro ás 21.00 horas.

Cándido Pazó collerá o relevo o vindeiro venres, 18 de setembro (21.00 horas), coa súa función Como dicía o outro. Nela, o humor, a emoción, a imaxinación e a memoria mestúranse ata enfiar un relato con historias, contos e lerias aptos para todos os públicos.

A última actuación do ciclo será Eu quero ser galega, de Stephy Llaryora. A humorista presentará a divertida historia dunha vasca que desexa converterse en galega, adaptándose a todas as dificultades do idioma, dos costumes e da morfoloxía de Galicia. O espectáculo será o venres, 25 de setembro ás 21.00 horas.

As persoas interesadas en asistir a algún dos monólogos deberán reservar o seu convite antes das 12.00 horas do propio día de cada monólogo. Para facelo deberán chamar á Casa da Cultura no teléfono 981 67 25 80.

Este ciclo conta coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña.

CARTEL CARRAL- Venres de Monólogo