O GOBERNO LOCAL PON EN MARCHA UNHA ENQUISA PARA AVALIAR OS PUNTOS FORTES DO PREMIO DE POESÍA DO CONCELLO DE CARRAL

posted in: Novas Concello | 0

Despois de 23 edicións, o Premio de Poesía Concello de Carral ten a súa fama e recoñecemento máis que gañados. Porén, co obxectivo de mellorar este certame ano tras ano, o goberno local acaba de pór en marcha unha enquisa para avaliar os puntos fortes e débiles deste concurso, unha medida que nunca se levara  acabo en concursos similares. Esta novidosa iniciativa busca medir o impacto do premio no sector literario de Galicia e comprobar, así mesmo, se se están a cumprir os obxectivos cos que naceu: contribuír á promoción da literatura galega en xeral e á poesía en particular e de novos autores e autoras. Este certame naceu, ademais, para promover a lectura entre os veciños e veciñas do municipio.

Baixo a premisa de que esta investigación sexa o máis pertinente posible, elaboráronse diferentes tipos de enquisa en función do público destinatario:

  1. Para os autores e autoras que gañaron algunha edición do Premio de Poesía do Concello de Carral.
  2. Para poetas de Galicia en xeral.
  3. Para editoriais galegas que se dediquen a publicacións de libros de poesía.
  4. Para persoas que conformaran o xurado do certame nalgunha das edicións.
  5. Para librerías.
  6. Para organizadores doutros concursos de poesía de Galicia.
  7. Para veciños e veciñas de Carral en xeral.

Unha vez que se analicen todos os resultados, o obxectivo é expor publicamente as principais conclusións e compartilas na páxina do Concello de Carral. A previsión do Concello é, ademais, facer unha xornada o día 14 para presentar os datos, poñéndoos en común con poetas, editores, libreiros e especialistas.

Os carraleses e carralesas que desexen deixar a súa opinión e aportar o seu gran de area á iniciativa poderán facelo a través da web do Concello.

Convocatoria aberta ata o 3 de abril

O Concello de Carral, a través do seu departamento de Cultura, xa convocou unha nova edición do seu Premio de Poesía, que está dotado con 2.500 euros e a publicación da obra gañadora en Edicións Espiral Maior.

Esta nova edición do premio contempla un prazo para presentar exemplares aberto ata o 3 de abril. Poderán presentar obras os autores e autoras maiores de idade, con poemarios cun mínimo de 500 versos escritos en lingua galega.