O GOBERNO LOCAL ADOPTOU, NOS ÚLTIMOS MESES, MEDIO CENTENAR DE MEDIDAS PARA PALIAR OS EFECTOS DO COVID-19 EN CARRAL

posted in: Novas Concello | 0

O Concello de Carral celebrou onte, luns 1 de xuño, unha sesión do seu pleno extraordinario. Durante a mesma, o goberno local resumiu o medio centenar de medidas postas en marcha nos últimos meses para minimizar o impacto do COVID-19 no municipio. Tal e como sinala o equipo de goberno, “nestas semanas tivemos que estar, máis que nunca, ao servizo de todos vos veciños e veciñas do municipio”. Baixo esta premisa, o Concello arrincou iniciativas e plans nas seguintes áreas: Servizos Sociais; Igualdade; Educación; Comercio; Obras, Servizos e Protección Civil; Urbanismo; Facenda e Réxime Interno; Cultura, Deportes e Xuventude e Traballo e Voluntariado.

No caso de Servizos Sociais, o goberno destacou o aumento da partida orzamentaria dedicada ás axudas de emerxencia social –esta contía experimentou un crecemento dun 340%-. Con todo, esta non foi, nin moito menos, a única disposición adoptada polo departamento. Así, desde o inicio da crise sanitaria, a área reforzou o seu servizo de asistencia telefónica, que comezou a funcionar en horario de mañá e de tarde. Ademais, co fin de atender a un dos grupos máis vulnerables fronte ao coronavirus, membros do goberno local realizaron visitas ás persoas maiores. Durante as mesmas, entregóuselles material de protección informándolles tamén sobre algunhas prestacións postas en marcha durante a corentena – entre elas, o de repartición da compra e medicinas a domicilio. A axilización na entrega de alimentos aos usuarios e usuarias do Programa de Axuda Alimentaria e a entrega de produtos do Banco de Alimentos Municipal foron outras das accións realizadas nos últimos meses. O goberno local destaca as múltiples doazóns recibidas durante todo o estado de alarma por parte de veciños e veciñas e de empresas.

A área de Igualdade duplicou tamén esforzos e ampliou o seu horario de atención telefónica –que funciona tamén polas tardes-. A difusión de servizos de asistencia psicolóxica e de campañas como Máscara 19 a través das canles de comunicación do Concello centraron parte dos esforzos do equipo de goberno.

Servizo de impresión e entrega a domicilio

Dentro da área de Educación, o servizo de impresión e entrega a domicilio foi unha das medidas estrela, así como a repartición de dispositivos electrónicos que facilitasen o acceso a internet dos escolares. En ambos os casos, o obxectivo foi axudar a que “os nenos e meniñas puideran continuar coa súa formación de xeito telemático desde as súas casas”. Aínda durante o confinamento, o programa Educando en valores seguiu funcionando, habilitándose para tal fin unha nova sección na web municipal.

Baixo a premisa de minimizar o impacto do virus na economía local, o Concello contactou, durante os últimos meses, cos comercios, empresas, persoas autónomas e cos responsables dos locais de hostalería. O goberno local non só entregou máscaras entre os establecementos abertos ao público, senón que tamén habilitou un servizo gratuíto de asesoramento. Agora, o Concello está a ultimar a creación dunha páxina web que dispoña dun directorio actualizado con todas as empresas e servizos do municipio.

Os traballos de desinfección foron outra das máximas prioridades do gobierno local desde o decreto do estado de alarma. Estas actuacións acometéronse nas zonas máis concorridas do termo municipal e nas marquesiñas do transporte público.

Desde a área de Urbanismo tratouse de impulsar ao máximo a execución de obras no municipio para fomentar a reactivación da economía.

Repartición de máscaras entre a poboación

A área de Facenda e Réxime Interno promoveu a implantación do teletraballo e repartiu, ademais, equipos de protección para todos os traballadores e traballadoras. Con todo, este material de protección repartiuse tamén entre os veciños e veciñas do municipio.

O Concello procedeu á instalación de biombos de metacrilato, dispensadores de xel e á sinalización da distancia de seguridade nos edificios municipais.

Un compromiso coa Cultura

O Concello manifestou, desde o inicio da crise, o seu compromiso coa Cultura. Tanto é así, que desde esta área está a traballarse para reorganizar e adaptar os eventos e actividades programados en lugar de cancelalos.

Por último, desde o departamento de Traballo e Voluntariado reactivarase o taller de Emprego e Competencias Clave.