O DOCUMENTAL SOBRE OS 20 ANOS DO PREMIO DE POESÍA CONCELLO DE CARRAL XA SE PODE VER NA REDE

posted in: Novas Concello | 0

A Concellería de Cultura ven de pendurar en Youtube o documental 20 anos do Premio de Poesía Concello de Carral, para que o seu visionado sexa accesible e libre.

O audiovisual, de 35 minutos de duración e elaborado pola produtora Tingalaranga, ofrece os detalles do que ten acontecido nestas dúas décadas de vida do certame, e o valor que foi adquirindo no ambiente literario galego para descubrir novos valores ou para consolidar outros xa coñecidos.

Interveñen no documental todos os escritores e escritoras premiadas, críticos literarios, algúns membros que formaron parte dos xurados, así como os responsables municipais do premios. Repásase desde como naceu a idea de crear este premio literario, ata a actualidade, no que Carral xa forma parte da literatura galega.

O documental pode verse na canle Cultura Concello de Carral en Youtube, no seguinte enlace: https://youtu.be/2wVp1xkzVoM

Na mesma canle acábase de subir tamén un vídeo cun resumo de como transcorreu o acto da 20ª edición do premio, que tivo lugar o pasado 26 de maio. No acto entregouse o premio a Xosé Luís Mosquera Camba e presentouse a publicación do libro gañador no 2016 Devalar sen pel, de Modesto Fraga. O acto pode verse no seguinte enlace: https://youtu.be/7HUkX5dAo5U