O CONCELLO REFORZA OS SERVIZOS SOCIAIS PARA AXUDAR AOS VECIÑOS E VECIÑAS EN SITUACIÓN DE VULNERABILIDADE

Ante o estado de alarma decretado polo Goberno do Estado, o Concello de Carral adoptou diferentes medidas para reforzar as prestacións que se dan desde o departamento de Servizos Sociais. Con este protocolo, o goberno local busca evitar contaxios polo novo coronavirus, sen deixar de garantir “servizos necesarios para os veciños e veciñas do municipio que se atopan en situación de maior vulnerabilidade”.

Por un lado, o departamento de Servizos Sociais do Concello contactou con todos os veciños e veciñas inscritos no programa de Axuda Alimentaria para facer un reparto de alimentos. Algúns carraleses e carralesas recolleron presencialmente o seu lote de alimentos. Noutros casos nos que os usuarios e usuarias non podían acudir presencialmente, o reparto fíxose a domicilio. Desde o goberno local sinalan que “a despensa municipal conta con alimentos de reserva que se empregarán en casos de urxencia e faranse os repartos necesarios baixo demanda”. En todo caso, sinala o goberno, “serán os servizos técnicos municipais os que valoren esta urxencia”.

Por outro lado, o Servizo de Axuda no Fogar seguirá funcionando co fin de garantir unha “prestación fundamental para os veciños e veciñas maiores ou dependentes que viven sós ou soas”. Esta prestación deixará de realizarse, unicamente, nos seguintes supostos: en caso de o usuario ou usuaria solicite a cancelación deste servizo ou no caso de que o veciño ou veciña conte co apoio dunha 3º persoa que se poida facer cargo do seu coidado.

Desde o equipo de goberno fan un chamamento aos cidadáns e cidadás de Carral: “se algunha persoa é coñecedora de que un veciño ou veciña precisa dalgún tipo de axuda para adquirir produtos de primeira necesidade, medicinas ou cita médica, pode chamar ao Concello ou a Servizos Sociais”. Por exemplo, un membro do goberno local fíxolle hoxe a compra a unha veciña do municipio que vivía soa no seu domicilio. Neste tipo de situacións, os carraleses e carralesas poderán chamar ao 981 67 00 02 (Concello de Carral) ou ao 981 61 35 20 (Servizos Sociais).

Os veciños e veciñas que precisen máis información ou que teñan calquera dúbida poderán contactar co departamento de Servizos Sociais a través do teléfono 981 61 35 20. O horario de atención veuse reforzado, e será de 9.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas.

Os concelleiros e concelleiras do goberno local agradecen o esforzo que están realizando desde o departamento de Servizos Sociais, así como a súa impicación e axilización no reparto dos alimentos do programa de Axuda Alimentaria.

Peche das instalacións municipais

Co fin de previr posibles contaxios, o Concello pechou as instalacións municipais. Só se atenderán presencialmente os casos urxentes –para fixar unha cita, os veciños e veciñas deberán chamar ao Concello-.

O goberno local solicita a colaboración de “toda a veciñanza para recuperar, canto antes, a normalidade”. Neste sentido, pídelles aos carraleses e carralesas que eviten saír das súas casas –agás para o estritamente necesario- e que cumpran coas indicacións e directrices da Xunta de Galicia, do Goberno de Estado e do Concello.