O CONCELLO PECHA O CUESTIONARIO ONLINE DO PLAN DE MOBILIDADE SOSTIBLE, NO QUE PARTICIPARON 150 VECIÑOS DE CARRAL

Plan Mobilidade Sostible

A promoción da participación veciñal é, sen dúbida, unha das máximas do goberno local. Baixo esta premisa, e co obxectivo de que os veciños e veciñas puidesen colaborar no próximo Plan de Mobilidade Sostible de Carral, o Concello puxo en marcha unha consulta dixital online. O equipo de goberno destaca “as boas cifras de participación obtidas a través do cuestionario”. En total, recibíronse 150 achegas por parte da cidadanía. A través desta enquisa, buscouse coñecer as demandas, propostas e hábitos de mobilidade dos veciños e veciñas.

Co obxectivo de que a elaboración do Plan de Mobilidade Sostible siga sendo un proceso participativo, as asociacións e particulares poderán participar nun coloquio co equipo redactor. O evento terá lugar o mércores, 22 de xullo ás 20.30 horas, no edificio social Toñito Espiñeira de Carral.

Este coloquio levarase a cabo atendendo ás medidas de prevención e seguridade para evitar posibles contagios por COVID-19.

Planificación estratéxica do territorio

O futuro Plan de Mobilidade Sostible servirá como ferramenta de planificación estratéxica do territorio, permitirá repensar os espazos públicos de Carral e Tabeaio e servirá para fomentar unha mobilidade sostible.

A implantación de formas de desprazamento máis respectuosas co medio ambiente (camiñar, bicicleta, transporte público, etc.) está estreitamente ligada á redución da contaminación, a mellora da contorna urbana e o impulso da inclusión social, especialmente relevante a partir da crise sanitaria do COVID-19. Como explica o equipo de goberno “a elaboración do Plan de Mobilidade xorde a raíz dá crecente preocupación da veciñanza polo medio ambiente e polos medios de transporte máis sostibles”.