O CONCELLO DESTINARÁ 10.000 EUROS A AXUDAS PARA ESTUDANTES DE VARIOS NIVEIS

posted in: Novas Concello | 0

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicou, nos últimos días, as bases reguladoras das axudas ao estudo do Concello de Carral. Por medio desta medida, o goberno local destinará 10.000 euros dirixidos a alumnos e alumnas de diferentes etapas educativas matriculados durante o curso 2019/2020.

O obxectivo desta liña de axudas é colaborar coas familias do municipio, axudándoas a afrontar os gastos derivados dos estudos de 2º ciclo de educación infantil, do alumnado de educación postobligatoria -ciclos formativos, bacharelato ou similares- e de estudos universitarios oficiais.

No caso de infantil, destinarase unha contía de 3.600 euros. A contía das axudas que se establecen será dun mínimo de 30 euros por persoa e de ata un máximo de 70 euros por beneficiario.

Para a formación postobligatoria e formación profesional básica a partida será de 3.000 euros. Establécese un mínimo de 40 euros por persoa beneficiaria e un máximo de 150 euros.

Por último, a liña dedicada a estudos universitarios ascenderá a 3.400 euros. Cada usuario poderá recibir un mínimo de 50 euros e un máximo de 200 euros.

As persoas interesadas en recibir máis información deberán contactar co departamento de Educación no teléfono 981 61 35 20.