O CONCELLO DE CARRAL RETIROU 130 NIÑOS DE VESPA VELUTINA NO 2019

A loita contra a vespa velutina foi, sen dúbida, un dos temas nos que o Concello tivo que centrar máis esforzos e recursos. Tanto é así, que nos últimos meses, o novo equipo de goberno recibiu decenas de avisos por parte dos veciños e veciñas da presenza de niños no municipio. En total, ao longo do 2019 o número de niños retirados ascende a 130.

Tal e como indican desde o goberno, á súa entrada no Concello non había ningunha persoa designada aos traballos de retirada de niños de velutina. Nese momento, o Concello contratou a unha empresa externa que puidese dar resposta aos avisos dos veciños e que se encargase destas tarefas ata que se puidesen delegar noutra persoa. Desde o mes de agosto, é o propio Concello o que se encarga da retirada de niños.

O goberno local sinala o “gran esforzo” que este traballo supón. E é que, agora mesmo, hai pouco persoal que se encargue de acometer estes labores. Con todo, “é prioritario dar resposta aos avisos dos veciños e veciñas”, comentan.

Unha vez que reciben o aviso por parte dos carraleses e carralesas, “procédese a retirar o niño rapidamente e da forma máis eficaz”. O obxectivo, tal e como explican desde o goberno, é solucionar as incidencias na mesma semana na que se produce o aviso. En canto ao método empregado, desde o goberno local inciden en que depende das características e da situación de cada niño.