O COMPLEXO DEPORTIVO DE CARRAL VOLVERÁ ABRIR AS SÚAS PORTAS O LUNS ATENDENDO Á MELLORA DA SITUACIÓN EPIDEMIOLÓXICA

O Complexo Deportivo do Concello de Carral volverá abrir as súas portas desde o luns, 1 de marzo. Farao, iso si, atendendo a un estrito protocolo de seguridade para reducir o risco de contaxio pola covid-19. Este documento inclúe medidas que afectan, non só ao uso do ximnasio, senón tamén ao desenvolvemento das actividades gratuítas dirixidas aos socios e socias, así como ás clases de pilates –de pago-.

O documento reflicte, entre outras, as seguintes cuestións: o aforo máximo da dependencia -20 persoas-, a obrigatoriedade no uso de máscara e no mantemento da distancia interpersoal e a obriga, por parte dos usuarios e usuarias, de empregar unha toalla e de desinfectar o material despois do seu uso.

No caso das actividades dirixidas, os grupos estarán conformados por 4 persoas participantes máis o monitor ou monitora. Antes e despois de cada sesión, levarase a cabo a ventilación, a limpeza e desinfección do material empregado e fregarase o chan. A maiores, o Concello realizará dúas desinfeccións diarias do recinto.

Ampliación do Centro Deportivo

Co obxectivo de adaptar esta instalación á nova realidade provocada pola pandemia da covid-19, o Concello de Carral proxecta a ampliación do Centro Deportivo. Actualmente, a dependencia dispón dunha única aula para o desenvolvemento das actividades. As actuacións previstas polo equipo de goberno suporán o incremento do espazo, a creación dunha zona de almacén e a colocación de renovadores de aire e climatización adaptados á instalación. Estas intervencións implicarán, ademais, a reubicación do acceso ás pistas de pádel e a rehabilitación e acondicionamento da pista multideporte actual.