O CENTRO DE SAÚDE RECUPERA O SEU SERVIZO DE PEDIATRÍA, QUE VOLVE PASAR CONSULTAS E REVISIÓNS DE LUNS A VENRES

posted in: Novas Concello | 0

O servizo de pediatría do centro de saúde do Concello de Carral volve funcionar con normalidade. O goberno local alcanzara un acordo co xerente de Xestión Integrada do Sergas da Coruña para que o pediatra acudise ao ambulatorio carralés “varios días á semana” ata o mes de marzo –período que comprendía a concorrencia de excedencias solicitadas polos profesionais especializados na rama-. Agora, transcorrido este prazo, o ambulatorio acaba de recuperar esta prestación. En concreto, tal e como sinalan desde o goberno local, o especialista estará no centro médico de luns a venres de 8.30 a 11.00 horas para as consultas e, a partir das 11.00 horas, realizará as revisións.
O goberno local celebra “que ou servizo xa funcione con normalidade, xa que estaba a provocar un grave prexuízo aos nenos, nenas e adolescentes do municipio”. Como indica o goberno, os pais e nais víanse obrigados a desprazarse ao ambulatorio de Cambre ou aos centros hospitalarios da Coruña para recibir este servizo”. Ademais, “os veciños e veciñas tiñan que empregar os seus propios medios, xa que non existía un transporte público que prestase este servizo”.
Recollida de firmas
A supresión temporal do pediatra produciuse no mes de xaneiro. Para solucionar este problema, o goberno local tomou diferentes medidas. Por unha banda, contactou tanto coa xerencia de Xestión Integrada da Coruña, como coa dirección do ambulatorio carralés para coñecer a dimensión do problema. Doutra banda, iniciou unha campaña para recoller firmas entre os carraleses e carralesas en contra da decisión do Sergas.