O CAMPO DA FEIRA ACOLLE UNHA NOVA EXPOSICIÓN DE FOTOS ANTIGAS DE CARRAL

posted in: Novas Concello | 0

Cartel Fotos mil historias de Carral 2017O alcalde José Luis Fernández Mouriño inaugurará este sábado, ás 12:00 h, unha nova exposición do programa Fotos para as mil historias de Carral. Será a cuarta exposición que organice o Concello de Carral amosando antigas fotos do municipio, que os veciños prestan para incorporalas ao Arquivo Fotográfico Municipal.

A exposición está formada por 12 paneis preparados para a intemperie con case 150 fotografías, e permanecerá fronte á Casa do Concello ata despois das festas da Virxe do Socorro no mes de setembro. Así permítese que se poidan ollar as fotos en calquera momento, con imaxes de gran tamaño e durante todo o verán, o que posibilita que tanto residentes como visitantes poidan gozar da mostra.

Fotos para as mil historias de Carral é un dos programas culturais de Carral que maior éxito consegue. Con el permítese recompilar un patrimonio de gran interese para as vindeiras xeracións, á vez que se amosa ao público por diferentes vías, tales como esta exposición, libros ou a través da páxina de Facebook, que conta con seguidores desde diversos puntos do planeta. O impacto desta páxina permite que carraleses espallados por diferentes países aos que emigraron, envíen as súas imaxes para compartilas no arquivo fotográfico.