MODESTO FRAGA GAÑA O XIX CERTAME DE POESÍA “CONCELLO DE CARRAL”

Modesto_Fraga_(AELG)-3Modesto Fraga, coa súa obra Devalar sen pel resultou gañador do Concurso de Poesía “Concello de Carral” do presente ano.

O xurado salienta a alta calidade dos traballos presentados, preseleccionando unha decena de orixinais, dos que calquera podería ser premiado. Da obra seleccionada, salienta o xurado, que é un traballo redondo, que xoga coas tradicións, tensionando moi ben o texto e sabendo darlle aire nos momentos oportunos. Citando a Lezama Lima, o xurado indica que este poemario “ten a abundancia xusta”.

O xurado do concurso estivo formado por Carmen Caramés, Armando Requeixo e Luciano Rodríguez, baixo a presidencia da Concelleira de Cultura, Margarita Ramilo Varela, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez. Ao certame presentáronse un total de 54 poemarios.

O premio de Carral está dotado con 2500 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior.

Modesto Fraga (Fisterra, 27/02/1974) escribe poesía e contos. No xénero lírico acadou certames literarios diversos como o Avelina Valladares, O Grelo-Amigos de Galicia, Rosalía de Castro, Francisco Añón, Francisco Fernández del Riego, Faustino Rey Romero e Ramón Cabanillas entre outros.

Estudou Filoloxía Galega na Universidade de Santiago de Compostela. Forma parte da AELG e do PEN Clube de Galicia, e foi membro fundador do Batallón Literario da Costa da Morte e do Consello editorial da colección de poesía Letras de Cal.

Poemas da súa autoría aparecen nos libros colectivos Coroa Literaria para Roberto Blanco Torres (Edicións do Castro), A poesía é o gran milagre do mundo (PEN Clube de Galicia), Rumbo ás illas (A.C. Monte Branco), Mar por medio (Toxosoutos), Nós (Batallón Literario Costa da Morte), De mar e vento (Espiral Maior), e no terceiro tomo da antoloxía 25 anos de poesía galega (1975-2000) que o profesor Luciano Rodríguez elaborou para a Biblioteca Galega 120 de La Voz de Galicia. Nos últimos anos publicou Fisterra, a derradeira perla de occidente (2014), Atlántica luz. Poesía mareira 1995-2015 (2015), e ten no prelo Adagio por outono.

O acto de entrega do premio terá lugar o 27 de maio, na Casa da Cultura de Carral, dentro da programación de Letras Galegas 2016. O mesmo acto servirá para a presentación do poemario que gañou na pasada edición, Soño e vértice de Eva Veiga. Para a publicación do libro o Concello de Carral contou coa colaboración económica da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia.