MANUEL LÓPEZ RODRÍGUEZ GAÑA O 23º PREMIO CONCELLO DE CARRAL DE POESÍA

posted in: Novas Concello | 0
Manuel_Lopez_Rodriguez_2_15x10
Manuel López Rodríguez

Manuel López Rodríguez (Noia, 1978), coa súa obra Nas pulsacións, resultou gañador do Concurso de Poesía “Concello de Carral” do presente ano.
O xurado salienta neste poemario o feito de que amosa un discurso lírico sólido e inspirado, con gran riqueza léxica e con interesantes achados estilísticos.
Manuel López Rodríguez ten publicado un libro titulado Antítese nativa, así como múltiples poemas en revistas e volumes colectivos. Foi ganador dos premios Suso Vaamonde de poesía, Eduardo Pondal e López Ardeiro, entre otros.
O xurado do concurso estivo formado por Miriam Ferradáns, José Mª Paz Gago e Xurxo Alonso, coa presidencia do concelleiro de Cultura, Francisco Bello Hermida, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez. Ao certame presentáronse un total de 42 poemarios.
O premio de Carral está dotado con 2500 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior.

Xurado do Premio de Poesía Concello de Carral 2020
Xurado do Premio de Poesía Concello de Carral 2020

O acto de entrega do premio “Concello de Carral” está previsto para o mes de setembro. O mesmo acto servirá para a presentación do poemario que gañou na pasada edición, En luz escrita de Xurxo Alonso.
Como ven sendo habitual nas últimas edicións, a Xunta de Galicia colabora co Concello de Carral, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Políticas Culturais para a publicación da obra premiada.