MÁIS DE 130 PARTICIPANTES NO XII DÍA DO PATÍN

posted in: Novas Concello | 0

Máis dun centenar de afeccionados de toda a Comarca gozaron este sábado das diferentes actividades relacionadas cos patíns que se desenvolveron no pavillón de Espiño.

Dentro da programación deportiva municipal, este sábado celebrouse o  XII Día do Patín en Carral, organizado polo Concello, o club de patinaxe Alquimia. Este evento naceu hai xa 12 anos coa finalidade de fomentar unha práctica activa e saudable a través dunha disciplina deportiva que tantos “adictos” reúne na localidade coruñesa.

Acudiron á cita 137 patinadores e afeccionados procedentes de diferentes clubs e escolas de toda a comarca (Culleredo, Arteixo, Ferrol, A Coruña, Cambre, etc., e por suposto, Carral). A actividade comezou sobre das 16.00  h e prolongouse ata as 19.00  h. Durante a xornada levaron a cabo actividades lúdico- formativas, como a decoración, mantemento e pintado de patíns e camisetas, clases de iniciación para os novatos que nunca se puxeron uns patíns, xogos para os máis pequenos, elaboración de coreografías, etc., coa intención de achegar aos asistentes a gran variedade de actividades e rápida evolución que caracterizan este deporte. Para despedir o evento realizouse un sorteo de material deportivo relacionado coa patinaxe doada por patrocinadores e colaboradores.

Para máis información poden dirixirse á Casa da Cultura de Carral, no teléfono 981 672580 ou no  mail deportes@carral.es.