A PÁXINA CULTURACARRAL DE FACEBOOK ACADA OS 1000 SEGUIDORES

logo-facebook-150x150Unhas das ferramentas de comunicación que emprega a Concellería de Cultura do Concello de Carral para difundir a súa actividade así como outras iniciativas de carácter cultural que inciden no municipio, ven de acadar a cifra de 1000 seguidores, o cal supón unha cifra salientable se se ten en conta que o censo de Carral son pouco máis de 6000 habitantes.

A páxina Culturacarral de Facebook estase a converter nun dos medios de difusión máis eficaces na estratexia de comunicación que desenvolve este departamento municipal, e na que están incluídas a cartelería, notas de prensa, comunicación a través do correo electrónico aos cidadáns que así o solicitan, a conta de Twitter @CulturaCarral, as páxinas web municipais e o blog culturacarral.blogaliza.org. Cultura leva anos prestando especial atención á comunicación, xa que a considera coma un dos factores fundamentais dos proxectos culturais que desenvolve, tentando que a súa actividade teña a maior incidencia posible na poboación carralesa.

Co obxecto de optimizar os aspectos de comunicación, os departamentos de Cultura, Deportes e Xuventude están a realizar enquisas coas que estudar os modos en que a sociedade de Carral recibe a información que emana das concellerías que teñen a súa sede na Casa da Cultura.