JOSÉ LUIS FERNÁNDEZ MOURIÑO ASINA UN CONVENIO COA FAMILIA DE ‘CARDOÑA’ PARA QUE SEXA O CONCELLO QUEN CUSTODIE E CONSERVE O MATERIAL DO FOTÓGRAFO

posted in: Novas Concello | 0
O alcalde de Carral, José Luis Fernández Mouriño, asinou un convenio coa familia de José Gestal, popularmente coñecido como ‘Cardoña’ para que sexa o Concello o que custodie e conserve parte do material que utilizaba o fotógrafo.
O acordo fíxose efectivo o venres 21 de decembro coa firma do documento de cesión por parte do rexedor carralés e da filla do fotógrafo, Matilde Gestal Castro.
Esta cesión permitirá difundir a obra de ‘Cardoña’ e dos fotógrafos da súa xeración, mantendo así vivo o recordo de José Gestal, coñecido por todos como o fotógrafo do municipio. Así mesmo, o Concello prevé promover actividades que difundan o valor da fotografía dos tres primeiros cuartos do século XX. Este acordo terá unha vixencia de 15 anos que se poderían prorrogar ata un máximo de 25.
Como parte do material cedido polos familiares hai numerosos modelos de cámaras, empuñaduras, lentes, obxectivos, varios tipos de flash, cables disparadores e, en xeral, unha infinidade de dispositivos que Gestal utilizaba para retratar Carral e aos veciños do municipio.
Sinatura do convenio entre José Luis Fernández Mouriño e Matilde Gestal Castro
O alcalde e a concelleira de Cultura xunto coa familia de ‘Cardoña’ 
Recuperando a historia
O Concello de Carral traballa, desde hai anos, para recuperar imaxes antigas do municipio para crear un arquivo dixitalizado e difundir actividades que dean a coñecer o labor de Cardoña. Este esforzo materializouse a través do proxecto ‘Fotos para as mil historias de Carral’, composto por decenas de instantáneas de décadas pasadas, recoñecido hai uns meses como un exemplo de Boa Páctica de Xestión Cultural.