JOSE CARLOS ABELLÁ FAISE CO TRIUNFO NA VI CRONOESCALADA AO MONTE XALO

posted in: Novas Concello | 0

O corredor do club Ciclista Betanzos leva camisola de campión desta sexta edición ademais de establecer un novo récord na proba.

José Carlos Abellá
José Carlos Abellá

Foron un total de 46 os ciclistas de toda a xeografía galega os que tomaron a saída este sábado na sexta edición da cronoescalada ao Monte Xalo. Esta proba deportiva, organizada pola Pena Ciclista Monte Xalo, coa colaboración do concello de Carral, deu comezo ao redor das 17.00 h da tarde desde o Campo da Feira de Carral, pasando polas poboacións de Cabrois e Castelo para terminar na urbanización “O Castelo” do Monte Xalo.

O mellor tempo estableceuno José Carlos Abellá Amor (do club ciclista Betanzos), que con 19 minutos e 26 segundos, superou a marca do tamén betanceiro Ramón Roel de agosto 2013, establecendo así o novo récord desta proba deportiva. José Carlos Abellá iso deu mostras dun nivel de forma excepcional, deixando ao segundo clasificado a máis dun minuto.

A proba desenvolveuse con bo tempo e con vento de cola nos últimos quilómetros, o que deu un pequeno respiro á xa de seu dura ascensión ao pico cullerdense, de 8,5 km e con pendentes de ata o 14%. Esta é unha das probas máis duras e, pola beleza da paraxe natural no que se desenvolve, ao mesmo tempo una das máis atractivas do calendario ciclista de verán.