II TORNEO DE CHAVE POR PARELLAS EN CARRAL

Case 40 chaveiros participan nesta segunda edición. 

Cartel para a webAo longo desta fin de semana terá lugar na cancha de chave do bar “Viño con Mel”, a 2ª edición do torneo de chave por parellas de Carral. Este campionato está organizado polo club de chave de Ans, coa colaboración do Concello de Carral. O torneo naceu fai xa dous anos como unha competición diferente ás ligas federadas nas que participan os equipos durante o ano. O seu obxectivo é o de fomentar a unión e amizade entre xogadores de diferentes clubs que ao longo da tempada se enfrontan nas diferentes competicións.

Nesta edición, son 19 parellas as que se enfrontaran entre si ao longo do sábado dende as 12 da mañá ata as 9 da noite, distribuídos en 4 grupos. De aquí, os mellores chaveiros conformarán o cadro de oitavos de final que se disputará o domingo dende das 10.30 da mañá ata as 14.00 h. Na xornada dominical, xa pola tarde, disputaranse os cuartos de final, semifinais, terceiro e cuarto posto e, a partir das 20.00 h, a final entre as dúas mellores parellas do campionato.

Nesta edición acudiron chaveiros de toda a bisbarra coruñesa; A Barcala (de Cambre), San Cristóbal (da Coruña), ou Xismo de Celas de Peiro, ou Noso Lar e Ledoño (de Culleredo), ou Santa Cruz Tribisqueira (de Oleiros) e Leira (de Ordes).