I CAMPIONATO DE AGILITY “COUSADECANS”

posted in: Novas Concello | 0

O 20 e 21 de xuño terá lugar en Carral o 1º Campionato de Agility “CousadeCans”, proba puntuable para o Campionato de España 2016 de RSCE, que contará ademais coa presenza do xuíz internacional Domingos Carneiro (Portugal). Esta proba está organizada polo club de agility CousadeCans, coa colaboración do Concello de Carral.  

A competición dividirase en 3 categorías segundo a altura do can: mini, midi e estándar; así como en 4 niveis segundo o grao de dificultade: Grao 0 (cans e guías recén iniciados ou moi novos), Grao 1 (cans e guías que realizan todos os elementos e fan percorridos sinxelos), Grao 2 (cans e guías de nivel avanzado que compiten para conseguir clasificarse para o campionato de España) e Grao 3 (cans e guías de alta competición que buscan clasificarse para o campionato do mundo).

Os tipos de percorridos son o Jumping e Agility. O Jumping é un tipo de competición no que só se executan saltos, túneles e slálom, mentres que o Agility é un tipo de competición no que se executan todos os elementos. A proba constará dun total de 8 mangas, dous percorridos por grao de competición. Nos Graos 2 e 3 realízanse unha manga de cada tipo, en cambio, no Grao 1 realízase dúas mangas de Agility e no Grao 0 dous sinxelos percorridos unicamente con saltos e túneles. Ao finalizar a proba cada día realízase a entrega de trofeos.

O acceso ao evento será gratuíto, podendo, aqueles interesados solicitar máis información no teléfono 620.67.61.40 ou na Casa da Cultura municipal.

cartel junio 2015