FIN DE SEMANA DE AGILITY EN CARRAL

Esta fin de semana tivo lugar en Carral o I Campionato de Agility “Cousadecans” organizado polo club co mesmo nome e coa colaboración do Concello de Carral. Esta proba, puntuable para o campionato de España 2016 de RSCE, contou coa presenza do xuíz internacional Domingos Carneiro (Portugal)

 

Os cans participantes na competición son distribuídos en 3 categorías segundo a altura do can: mini, midi e Estándar; así como en 4 niveis segundo o grao de dificultade: Grao 0 ou pre-agility (cans e guías recén iniciados ou moi novos), Grao 1 (cans e guías que realizan todos os elementos e fan percorridos sinxelos), Grao 2 (cans e guías de nivel avanzado que compiten para conseguir clasificarse para o campionato de España) e Grao 3 (cans e guías de alta competición que buscan clasificarse para o campionato do mundo). Os tipos de percorridos son o Jumping e Agility. O Jumping é un tipo de competición no que só se executan saltos, túneles e slálom, mentres que o Agility é un tipo de competición no que se executan todos os elementos.

 

O torneo disputouse ao longo dos dous días do fin de semana. Así, o sábado foron 40 os cans que tomaron parte na competición que comezou sobre as 16.30 para rematar en torno ás 21.00 h. Aquí estiveron presentes oito equipos de diversas procedencias (Montegatto de Oza-Cesuras, Teocan de Teo, Agility Cantabria, Xanastur de Asturias, ACADE de Santiago, Canedupo de Lugo, Caoporta de Portugal, Cousadecans de Carral). O domingo foron 42 os cans participantes procedentes dos mesmos 8 equipos. A competición comezou sobre as 10.00 da mañá para concluír coa entrega de premios sobre as 14.00 h da tarde a cargo do alcalde de Carral, José Luis Fernández Mouriño e o árbitro Domingos Carneiro. Os gañadores en cada unha das categorías foron os seguintes:

CATEGORÍA NOME DO CAN NOME DO GUÍA CLUB
Gr. 1, Standard Onza Inés Freire Montegatto (Oza-Cesuras)
Gr. 1, Midi + Mini Guinda Clara Rodríguez ACADE (Santiago)
Gr. 2, Stardard Daxa Jorge Ramos Teocan (Teo)
Gr. 2, Midi + Mini Chispa José Manuel Montero Teocan (Teo)
Gr.3, Standard Neco Sara Gutiérrez Agility Cantabria
Gr.3 Midi + Mini King Juan Muñiz ACADE (Santiago)
Pre-agility Aiss Marta Solar Cousadecans (Carral)

 

FOTOS DO TORNEO