ESTA SEMANA O CONCELLO OFRECE UNHA AMPLA OFERTA CULTURAL

posted in: Novas Concello | 0

INSTALau-01A concellería de Cultura do Concello de Carral ofrece diversas propostas culturais desde o mércores ata o domingo desta semana.

A escritora Emma Pedreira visitará este mércores o Club de Lectura da Biblioteca municipal para comentar coas súas participantes sobre o proceso creativo na escrita de poesía, centrando a atención na súa obra Libro das mentiras co que gañou o premio Concello de Carral no ano 2011.

Os ratos da biblioteca de Trinketrinke volven este xoves para ofrecer a nenas e nenos de 5 a  8 anos de idade o seu contacontos teatral Aprendendo a querer, que aborda o tema da saúde afectiva. A sesión terá lugar na Casa da Cultura ás 18:00 h.

O programa Cine na Casa da Cultura presenta o venres, ás 20:30 h. o filme galego Eroski Paraíso, producida a partir da exitosa obra teatral homónima da compañía Chévere e protagonizada por Miguel de Lira e Patricia de Lorenzo. Conta distintas historias reais ocorridas na sala de festas “Paraíso”, que funcionou en Muros ata o ano 1990 e que logo foi convertida nun supermercado.

Teatro da Ramboia trae o sábado a Tabeaio O meu mundo non é deste reino, unha obra teatral baseada no texto de Manuel María e que se presenta en Carral grazas ao convenio que o Concello ten coa fundación do autor chairego. O espectáculo comezará ás 20:30 h.

Durante a fin de semana a Casa da Cultura e o pavillón do Espiño acollerán o ciclo Elas son artistas que se ven desenvolvendo na Coruña e nos concellos da súa área metropolitana. En Carral a actividade consistirá por unha banda na realización dun mural a cargo dun grupo de mozas e nun concerto de Lau, unha xove cantautora de Cambre que está a sorprender pola súa calidade artística en todos os concertos que leva feito. A súa actuación terá lugar no pavillón municipal ás 18:00 h. do domingo, mentres as participantes no obradoiro de pintura rematan o mural ao seu carón.Eroski_Para_so-342605765-large

Para todas as actividades é necesario inscribirse no teléfono da Casa da Cultura 981 672 580, dadas as limitacións de aforos e para garantir as medidas sanitarias que axuden a evitar os contaxios do coronavirus. Todas as sesións rematarán coa antelación suficiente para poder respectar as limitacións de movilidade fixadas polo estado de alarma.