DÚAS FINS DE SEMANA CON TEATRO E OS BOLECHAS

posted in: Novas Concello | 0

FeowebO local Xente Nova de Tabeaio acollerá os días 4, 5 e 10 de xuño dúas obras de teatro e o espectáculo Os Bolechas van ás Olimpiadas.

A premiada como mellor obra teatral infantil galega do 2015, Feo!, de Caramuxo Teatro,  presentarase o sábado 4, ás 21:00 h. Feo! É unha fermosa obra inspirada en “O Parrulo Feo” de Hans Cristhian Andersen. A pequena fábrica de parrulos de Goma “Il Papero Giallo” produce tódolos dias centos e centos de parrulos do mesmo tamaño e cor, mais un dia sae un parrulo diferente… Feo! é un canto  á diversidade  e a esencia de un mesmo, unha comedia para toda a familia.

Os Bolechas chegan o domingo 5 de xuño, ás 18:00 h, da man da Secretaría Xeral de Política Lingüística e o programa Falaredes. Este ano celébranse Olimpíadas en Río de Xaneiro e Os Bolechas queren participar. Teñen tanta présa que collen o avión antes de tempo. En Brasil aínda non hai nada preparado…excepto Romualdo, un deportista “completísimo” que prepara as Romuolimpíadas. E reta os Bolechas a competir con el para gañar un pase aos verdadeiros xogos olímpicos. Como é habitual, os irmáns van precisar moita axuda para gañar a Romualdo e conseguir unha inscrición nas Olimpíadas de Río 2016. E quen vai axudalos? O público presente na actividade! Todas as nenas e nenos, xunto ás súas familias, deberán demostrar o que saben dos xogos olímpicos e tamén que están en forma para participar nos de Río. E para iso terán que superar unha chea de probas… moi divertidas!.Cartel Os Bolechas Carral.

E este ciclo de espectáculos remata cunha divertida comedia a cargo da compañía viguesa A Panadería, que presenta Pan!Pan!. Será o sábado 11 de xuño ás 21:00 h. Pan!Pan! é unha parodia de xénero nun dobre sentido. O espectáculo, con musica vocal en directo, caricaturiza os westerns americanos e cuestiona o binomio home-muller. Harry, un cowboy americano, viaxa no seu cabalo perseguindo a un indio salvaxe que roubou a súa muller. Unha peza fresca e desenfadada onde tres actrices constrúen toda a musica, personaxes e espazos do espectáculo axudadas só por unha bandeira dos EEUU. Considerada como a revelación do teatro galego no ano 2015, Pan!Pan! obtivo o Premio María Casares á Mellor Actriz Secundaria (Areta Bolado) e o Premio da Crítica Galicia 2015, ademais de recibir unha nominación á Mellor Música Orixinal. Anteriormente foi galardoado co 1º Premio Xuventude crea 2013.

Feo!  E Pan!Pan! son dous espectáculo incluídos no programa Cultura no Camiño promovido pola Xunta de Galicia e os concellos polos que transcorren os Camiños de Santiago.

O acceso a todos os espectáculos é libre, e prégase puntualidade para evitar molestias no desenvolvemento das funcións.

PAN!PAN! 1web