DAVID SUÁREZ ROZAS REVALIDA O TÍTULO DE CAMPIÓN DO TORNEO DE XADREZ DE NADAL DE CARRAL.

posted in: Novas Concello | 0

55 xogadores tomaron parte neste clásico torneo do Nadal.

20181222_200019Este sábado, tivo lugar na Biblioteca Municipal a  XVIII edición do Torneo de Nadal de Xadrez organizada polo Concello de Carral. Nesta competición, xa clásica nas datas nas que nos atopamos, reuníronse un total de 55 competidores de toda a xeografía galega; Carral, A Coruña, Cambre, Arteixo, Oroso, Santiago, Pontedeume, Betanzos,  Pontevedra, Lugo, etc.

O torneo iniciouse ao redor das 16.15  h e constou de 7 roldas de 10  min. por xogador cun incremento de 2 segundos. A sétima e última partida terminou ás 20.00  h, tras a cal David Suárez Rozas (Vilagarcía- Club  FonteCarmoa) revalidou o título campión absoluto do torneo, xusto por diante de Diego Fernández (Club Sigrás) e Francisco Amado (Club Arteixo). Na  categoría  sub-14 o vencedor foi  Nerea  Cereijo  (oitava na xeral). A segunda posición da categoría foi para  Andrés Vázquez, xusto por diante de Alejandro Rama (Club Arteixo). Por último, na categoría  sub-10, o campión foi Mario Fernández (Club Betanzos). A segunda e terceira posición da categoría foi para Alejandro  Cereijo e  Sergio  Vilacoba.  Finalmente, o premio ao mellor xogador local recaeu en Guillermo Esteban  Quiñoa, undécimo na xeral e un veterano participante deste torneo.

Ao terminar todos os encontros fíxose entrega dos trofeos aos gañadores.