CULTURA ORGANIZA UNHA RUTA POLO COUREL

A Concellería de Cultura do Concello de Carral rematará o seu programa 20 km Camiño con Cultura de sendeirismo cultural, organizando para o sábado 15 de outubro unha ruta polo Courel.courel

Realizarase o roteiro mítico entre Valdomir e Froxán. Logo de acceder a Valdomir en autobús, ollarase o camiño ata a aldea de Vilar. Este é un sitio moi coñecido pola divulgación dun roteiro marcado que atravesa os seus soutos, a ermida e un castro situado sobre o río Lor, un lugar inesquecible para os que o visitan.

O camiño desde o castro baixa polo monte ata o río, cruzando por unha vella ponte de madeira. Logo de pasalo os participantes atoparanse co sobreiral de magníficos exemplares de corticeiras que se aproveitan para facer trobos de abellas.

Por camiños antigos chegaremos ata Froxán, un dos paraísos do Caurel, unha aldea ben conservada, restaurada e habitada na actualidade. Coma fin do roteiro, antes de emprender a volta, visitaremos a vila de Seoane do Courel.

As prazas son limitadas e as persoas interesadas deberán inscribirse na Casa da Cultura antes do martes 11 de outubro. O prezo por persoa é de 15 euros, que inclúe o transporte e os monitores e guías durante o percorrido.