CONVOCADA A 24ª EDICIÓN DO CERTAME DE POESÍA CONCELLO DE CARRAL

O departamento de Cultura do Concello de Carral, ven de convocar unha nova edición do seu certame de poesía, que está dotado con 2500 euros e a publicación do libro gañador en Edicións Espiral Maior.

Neste ano 2021 chégase ás 24 edicións, sendo un dos concursos de referencia no ámbito da poesía galega.

A nova edición do premio fixa un prazo para presentar exemplares aberto ata o 31 de marzo. Poderán presentar obras os autores e autoras maiores de idade, con poemarios cun mínimo de 500 versos escritos en lingua galega.

O premio entregarase o 28 de maio, dentro dos actos das Letras Galegas en Carral, no que ademais se prevé a presentación da edición do libro gañador da vixésima terceira edición do concurso, titulado Nas pulsacións de Manuel López Rodríguez.

Para ampliar información, as persoas interesadas poden dirixirse á Casa da Cultura de Carral, no teléfono 981 672580, no correo electrónico cultura@carral.es ou a través da web carral.es.