xiganteIMG_4394A Biblioteca municipal organiza para os vindeiros días dúas actividades para a infancia. A primeira é un obradoiro de escrito titulado Nós escribimos a historia, no que rapaces maiores de 9 anos terán ocasión de divertirse mentres aprenden a escribir un pequeno relato que poderán ver editado nun fancine ao final da actividade. Este obradoiro terá lugar o sábado 3 de outubro entre as 11 e as 13 h.

A compañía teatral Elefante Elegante ofrecerá o contacontos O Xigante, no que a narración oral está acompañada polo teatro xestual e pola constante presenza da música. Está dirixido a idades de entre 3 e 8 anos e terá lugar o luns 5 de outubro ás 18:00 h.

Ámbalas dúas actividades terán lugar na biblioteca da Casa da Cultura e conta con limitación de prazas, polo que é necesario inscribirse previamente chamando ao 981 672 580. As dúas sesións, incluídas no programa Ler conta moito da Rede Galega de Bibliotecas, organízanse coas máximas medidas preventivas do Covid19.

A Asociación da Custodia do Territorio Brexa organizará unha xornada de limpeza no río Barcés o domingo, 27 de setembro. No caso de Carral, a actividade levarase a cabo nas parroquias de Barcia, Cañás e VIgo.

As persoas interesadas poderán:

cartazMollate

 

A Casa da Cultura de Carral acolleu o sábado 12 de setembro o acto central do XXIII Premio de Poesía Concello de Carral. Por un lado, o acto serviu para conceder o galardón da presente edición, que recaeu nas mans de Manuel López Rodríguez pola súa obra Nas pulsacións. Polo outro, no evento levouse a cabo a presentación de En luz escrita de Xurxo Alonso, o poemario que gañou o premio o pasado ano, e que pasará a formar parte da colección de Edicións Espiral Maior.

Como en anos anteriores, o Concello contará coa colaboración económica da Xunta de Galicia para a edición da obra gañadora do certame de poesía.

Á entrega acudiron membros do goberno local do Concello de Carral, o director xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, e o responsable de Edicións Espiral Maior, Fernán Vello.

Debido á situación sanitaria, o evento contou cun aforo reducido. A diferenza doutras edicións, e co fin de extremar as precaucións pola COVID-19, non se realizou ningún tipo de intervención artística. Ao remate, o público asistente recibiu exemplares de En luz escrita e tiveron ocasión de acadar a sinatura do seu autor, Xurxo Alonso.

Un discurso inspirado convertido en poemario

Manuel López Rodríguez gañou esta última edición por unha obra que, segundo o criterio do xurado, amosa un discurso sólido e inspirado, cunha gran riqueza léxica e con interesantes descubrimentos estilísticos.

O autor ten publicado un libro titulado Antítese nativa, así como múltiples poemas en revistas e volumes colectivos. Foi gañador dos premios Suso Vaamonde de poesía, Eduardo Pondal e López Ardeiro, entre outros.

Carral 2

Carral 4

O Concello de Carral segue traballando para reforzar a seguridade viaria en todo o termo municipal. Tras finiquitar varias intervencións en estradas das parroquias de Paleo, Quembre, Cañás e Barcia, o executivo está a executar xa unha nova actuación: o proxecto de mellora da seguridade na vía que une O Penedo e Lavandeira. As obras inclúen a mellora do firme, a construción de cunetas de seguridade, a instalación de bandas rugosas e o pintado da sinalización.

Este non é o único proxecto que o Concello ten en marcha. Así, o executivo está a actuar tamén na estrada que conecta Sergude e Cañás, onde se proxectará a construción de novas cunetas. A maiores, intervirase na ponte sobre o río Brexa (Sergude).

Novas cunetas en 4 parroquias

O Concello de Carral e a Deputación da Coruña concluíron, no mes de agosto, intervencións en varios puntos do termo municipal que implicaron a creación de cunetas en catro parroquias. En concreto, este plan, financiado con fondos municipais e provinciais, supuxo a ampliación do ancho de vía en estradas das parroquias de Paleo, Quembre, Barcia e Cañás.

Tal e como explican desde o goberno local, “o obxectivo é seguir traballando para mellorar a rede de estradas e camiños no termo municipal, garantindo unha maior seguridade para os vehículos e tamén para os veciños e veciñas que transitan por estas vías”. As actuacións xa rematadas supuxeron a creación de cunetas de seguridade nalgunhas das estradas destas parroquias. Estas intervencións serviron para ampliar o ancho da calzada, favorecendo a circulación dos coches e tamén a dos viandantes.

Estas obras realizáronse na DP-2104 –en San Pedro de Quembre e no lugar de Pousada en Barcia-; na DP-2105 á altura de Cabrois (Paleo) e, por último, no lugar de Soavila (parroquia de Santa Baía de Cañás).

FOTO CARRAL- Mejora seguridad vial 1

FOTO CARRAL- Mejora seguridad vial 3

O humor e a retranca faranse un oco na programación cultural do Concello de Carral a través do ciclo Venres de Monólogo, que arrincará esta mesma semana. Con respecto a outras edicións do evento, as actividades deste ano levaranse a cabo no local Xente Nova de Tabeaio e estarán suxeitas a un estrito protocolo de seguridade co fin de reducir o risco de contaxio pola COVID-19.

O monologuista Avelino González será o primeiro en aterrar no municipio. Farao con Contos de contrabando, unha historia que versa sobre como, en moitas ocasións, vivimos na marxe da lei. A actuación será o venres, 11 de setembro ás 21.00 horas.

Cándido Pazó collerá o relevo o vindeiro venres, 18 de setembro (21.00 horas), coa súa función Como dicía o outro. Nela, o humor, a emoción, a imaxinación e a memoria mestúranse ata enfiar un relato con historias, contos e lerias aptos para todos os públicos.

A última actuación do ciclo será Eu quero ser galega, de Stephy Llaryora. A humorista presentará a divertida historia dunha vasca que desexa converterse en galega, adaptándose a todas as dificultades do idioma, dos costumes e da morfoloxía de Galicia. O espectáculo será o venres, 25 de setembro ás 21.00 horas.

As persoas interesadas en asistir a algún dos monólogos deberán reservar o seu convite antes das 12.00 horas do propio día de cada monólogo. Para facelo deberán chamar á Casa da Cultura no teléfono 981 67 25 80.

Este ciclo conta coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña.

CARTEL CARRAL- Venres de Monólogo

Tal e como se anunciou no confinamento, o Concello de Carral continúa apostando por ofrecer actividades culturais a veciños e veciñas de todas as idades. Proba deste compromiso é o regreso do programa Papeques, que ofrecerá un total de oito actividades dirixidas aos nenos e nenas do municipio. Esta 3ª edición, que arrincará esta semana, comprenderá espectáculos e cine para público infantil e familiar.

O calendario de propostas comezará o xoves, 10 de setembro ás 18.00 horas, coa proxección da película Cavernícola na Casa da Cultura. O filme narra a historia de Dug quen, xunto co seu amigo Cerdog, unen á súa tribu en contra do arquienemigo Lord Nooth para salvar o seu fogar.

Papeques continuará o sábado, 12 de setembro ás 12.00 horas, no local Xente Nova de Tabeaio. Ese día terá lugar Ris Ras de Baobab Teatro, un espectáculo que fará viaxar aos cativos e cativas a través de música, xogos, enredos e historias tradicionais.

O programa seguirá o 17 de setembro ás 18.00 horas coa proxección da película Los pitufos: la aldea perdida. Na película, Pitufina e os seus irmáns practican sendeirismo polo descoñecido Bosque Encantado tratando de atopar un lendario pobo para os Pitufos.

Papeques ofrecerá, así mesmo, funcións musicais para os nenos e nenas. Dentro desta liña, a primeira acción chegará o sábado, 19 de setembro ás 19.00 horas, co concerto Uxía Lambona e a súa banda molona, da compañía de animación Troula. O espectáculo nace como un proxecto lúdico, musical e educativo que busca achegar aos máis pequenos e pequenas os temas tradicionais galegos dunha forma nova e atractiva. Para conseguilo, empregan novos estilos musicais como o ska, o rock e o hip-hop.

Ademais de música e cine, Papeques ofrecerá varios contacontos. O primeiro aterrará na Casa da Cultura o 22 de setembro ás 18.00 horas. María Canosa chegará a Carral coa historia Versos para perder medos, para nenos de 5 a 7 anos. Ao día seguinte, o 23 de setembro ás 18.00 horas, a Casa da Cultura volverá acoller un novo contacontos sensorial dirixido a bebés.

O xoves, 24 de setembro ás 18.00 horas, será a quenda de Trinketrinke, que traerá o seu contacontos O coelliño branco, que narra a historia de como Lili Gruyére atopou un coelliño branco e o levou para Lonxetodo. Falando con el, deuse conta de que o animal era o protagonista dun conto e que traballara moitos anos como axudante dun mago.

Animais de compañía, de Teatro do Noroeste, será a última proposta de Papeques. Será o sábado, 26 de agosto ás 19.00 horas, no local Xente Nova de Tabeaio. Trátase dunha fábula moderna sobre as relacións humanas e o respecto ás diferenzas.

O acceso aos espectáculos é de balde, pero as prazas son limitadas, polo que será precisa a inscrición ou a retirada previa de convites.

Papeques conta coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña, a través da súa Rede Cultural, e da Xunta de Galicia por medio de Ler conta moito Camiños de Cultura.

Cartel Papeques 2020.

Peche dos campamentos de verán do Concello de Carral

 Ao redor de 130 nenos e nenas participaron nos campamentos de verán programados polo Concello de Carral, que contaron cun protocolo para evitar posibles contaxios por COVID-19.

Hoxe tivo lugar a xornada de clausura da terceira e última quenda duns campamentos que comezaron o 1 de xullo e que contaron con diferentes temáticas. Nesta ocasión, a última proposta buscaba concienciar aos pequenos e pequenas sobre o coidado do medio ambiente, a ecoloxía e a reciclaxe.

Ao longo desta quenda, os nenos e nenas -de entre 3 e 15 anos- participaron en actividades multideporte, socioculturais, de concienciación ambiental, reciclaxe e en excursións.

Protocolo de seguridade

O Concello reforzou, este verán, a súa aposta polas actividades e medidas de conciliación.      Como explican desde o goberno local, “considerabamos necesario reforzar as actividades de conciliación pero na situación actual, a seguridade é, máis que nunca, a máxima prioridade. Por iso, reaxustouse a organización dos campamentos aplicando un completo protocolo”.

Estas actividades leváronse a cabo no CEIP Vicente Otero Valcárcel e no local interxeracional co fin de cumprir coas distancias de seguridade. Para acceder a estes recintos, os participantes tiñan que desinfectar calzado e mans e someterse, así mesmo, á medición da temperatura.

Os cativos e cativas maiores de 6 anos debían empregar a máscara de xeito obrigatorio, agás naqueles casos nos que os presenten algunha patoloxía que impedise este uso. No caso das excursións, todos os nenos e nenas, con independencia da súa idade, debían levar a máscara de protección no autobús, tal e como indica a normativa. Unha vez dentro do recinto dos campamentos, os rapaces e rapazas estaban separados en grupos formados por un máximo de 10 participantes.

O Concello de Carral remitiu un escrito á  Xefatura Territorial de  Mobilidade da Xunta de Galicia solicitándolle que manteña a liña de autobús que vai de Vila de Cruces a A Coruña e que, a pesar de presentar o goberno local alegacións contra a súa supresión, finalmente non se incluíu no Plan de  Mobilidade.

Este itinerario, que vai de Vila de Cruces a A Coruña e pasa por Mesía,  As  Travesas, Montouto, Figueroa,  Sarandóns, Carral e  Tabeaio é de vital importancia xa que por unha banda é o único que une  As Travesas con Carral e tamén é o que permite aos peregrinos do Camiño Inglés visitar A Coruña, un servizo moi demandado.

A supresión desta liña significará illar aos veciños e veciñas destes núcleos anteriormente citados dos centros de poboación máis importantes da zona como é Carral, lugar ao que por proximidade acoden moitos residentes de Figueroa e  Sarandóns (Abegondo) para ir ao médico, ao colexio ou mesmo a facer as súas compras.

Desde o goberno local inciden en que “no seu momento xa manifestamos a nosa oposición total á supresión desta liña, que cremos que é imprescindible. O rural precisa servizos e o único que se consigue con estas decisións é afastar á xente das zonas rurais”

Cartel Noite de Película 2020O ciclo anual Noites de película que organiza a Concellería de Cultura do Concello de Carral, coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña, volve esta semana con dúas películas de gran éxito.

Bohemian Rhapsody, o biopic sobre Freddie Mercury e o seu grupo Queen é a película que se ofrecerá o martes 1 de setembro, mentres que o thriller Quien a hierro mata presentarase o mércores 2 de setembro.

Ámbalas proxeccións comezarán ás 22:00 h.

Durante as películas é obrigatorio o uso da máscara e manter a distancia de seguridade.

O Concello de Carral quere que a veciñanza do municipio se involucre no devir deste e por iso creou ‘Cuida Carral’, unha aplicación para dispositivos móbiles que permite ao cidadán estar ao tanto da actualidade municipal e comunicar incidencias ou achegas.

A aplicación, que está dispoñible para descargar en dispositivos Android e IOS, conta cun apartado de incidencias para que os cidadáns comuniquen ao goberno local posibles situacións a mellorar e poder arranxalos así o antes posible. A ferramenta permite engadir a xeolocalización da incidencia, unha fotografía e un pequeno texto describíndoa. Ademais, poderá estar ao tanto da evolución do seu aporte, tendo constancia de que se está tramitando e de cando se resolva.

Por outra banda, o usuario ou usuaria tamén recibirá no seu dispositivo as últimas novas municipais, estando así informando ao instante de todo o que sucede no municipio.

A app pode descargarse tanto na Play Store nos dispositivos Android como na App Store para IOS.