Durante a vindeira semana a Xunta comezará coa colocación de trampas para velutinas nas parroquias do Concello de Carral.

O obxectivo destas novas trampas é frear a expansión das velutinas a través da captura das avespas raíñas, que no inicio da primavera saen a construír os primeiros niños.

As localizacións dos 121 dispositivos de captura serán aquelas nas que se detectaron niños en anos anteriores.

Xa está aberta a convocatoria para a creación de novos establecementos de aloxamento e restauración.

Estas axudas están dirixidas a pequenas, medianas e grandes empresas que planeen levar a cabo un investimento para crear un novo establecemento turístico en Galicia.

Podedes consultar as bases da liña de subvención na seguinte ligazón.

https://www.xunta.gal/…/AnuncioG0256-050424-0001_gl.html

Os veciños e veciñas poderán tramitar desde hoxe, xoves 18 de abril, a solicitude de bolsas educativas municipais do Concello. Con esta medida, o goberno local destinará 10.000 euros dirixidos a alumnos e alumnas de diferentes etapas educativas e que estean matriculados durante o curso 2023/2024.

O obxectivo desta liña é colaborar coas familias do municipio, axudándoas a afrontar os gastos derivados dos estudos de 2º ciclo de educación infantil, educación postobrigatoria -ciclos formativos, bacharelato ou similares-, formación profesional e de estudos universitarios oficiais.

No caso de infantil, destinarase unha contía de 3.600 euros. Cada persoa beneficiaria recibirá unha cantidade mínima de 30 euros e un máximo de ata 70 euros.

Para a formación postobrigatoria e formación profesional básica, a partida será de 3.000 euros. Establécese un mínimo de 40 euros por persoa beneficiaria e un máximo de 150.

Por último, a liña dedicada a estudos universitarios ascenderá a 3.400 euros. Cada usuario poderá recibir un mínimo de 50 euros e un máximo de 200 euros.

As persoas interesadas en recibir máis información deberán contactar co departamento de Educación no teléfono 981 61 35 20.

Ata novo aviso, a Consellería de Medio Rural non permitirá a realización de queimas en terreos agrícolas, forestais ou naqueles situados en zonas de influencia forestal.

Isto implica tanto que non se expedirán novos permisos de queima como que quedan anulados os que están en vigor.

Consulta máis información en: https://n9.cl/4o6zq


O Concello organizará, xunto con AFACO, o curso Coidados compartidos. Esta acción formativa está integrada dentro do programa que o Concello mantén coa entidade e, con ela, búscase brindar formación aos coidadores e coidadoras de persoas con demencia neurodexenerativa.

O programa desenvolverase entre o mes de abril e maio, ao longo de catro sesións. En abril, celebraranse o 17 e o 24, mentres que en maio terán lugar os días 8 e 15. En todo caso, as clases levarán a cabo de 18.00 a 20.00 horas no edificio social Toñito Espiñeira.

As persoas interesadas en participar deberán inscribirse no teléfono 981 61 35 20 ou no correo serviciossociales@carral.es.

A Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica) celebrará un curso gratuíto de Prevención de ataques de fauna silvestre en Carral.

Será o venres, 19 de abril, entre as 9.00 e as 14.00 horas, na Casa da Cultura. De 16.30 a 19.30 horas a actividade continuará cunha visita a unha granxa no Monte Xalo.

Ao longo do mesmo falarase da incidencia do lobo e doutros depredadores, de diversas medidas de protección e dos tipos de peche para a protección do gando.

As persoas interesadas deberán anotarse a través do correo ovica@ovica.org ou no teléfono 669 128 946.

O departamento municipal de Cultura ven de presentar o informe sobre o programa Teatro de Outono de 2023, que elabora o técnico de Cultura para avaliar as programacións e os seus impactos socioculturais.

Do informe conclúese a evolución positiva no incremento de asistencia aos espectáculos, sendo no pasado ano de 117 persoas; que o grupo maioritario de idade que asiste é o da franxa dos 41 aos 65 anos; que de xeito semellante a outros ámbitos culturais as mulleres supoñen 2 terzos do total de asistencia; que a obra que mellor puntuación obtivo foi Hugo, de Náufragos Teatro; que o método de comunicación que se demostra máis eficaz para coñecer a programación é a canle de Whatsapp “Novas Carral”, ou que os residentes nas parroquias máis rurais apenas asisten ao teatro.

Os datos cos que se confecciona o informe obtéñense fundamentalmente das enquisas que o público atende ao rematar as funcións. Nesta edición a enquisa contou con dúas partes, sendo a primeira a que preguntaba sobre a función que acababan de ver, e a segunda parte que só se cubría unha vez e que consultaba sobre hábitos de consumo de artes escénicas.

O Concello de Carral considera fundamental aplicar estas metodoloxías para a análise das programacións, para atender as preferencias dos públicos e para deseñar novos modelos que fomenten un aumento das prácticas culturais e que melloren os impactos na calidade de vida da cidadanía.

Pódese descargar o informe premendo aquí.

O goberno elevará o orzamento do 2024 ao pleno do luns, 1 de abril (20.00 horas). O documento económico deste exercicio ascende a 6.321.018,87 euros, o que supón un crecemento de, practicamente, o 9 % con respecto ao anterior (de 5.800.917,34). Os orzamentos reflicten, non só a boa saúde das arcas municipais, senón tamén o compromiso do goberno local polos Servizos Sociais. Tanto é así, que na proposta destaca a contía destinada a gasto social, que chega ata 1.053.790,77 euros. Isto é, un 16,6 % do total dos orzamentos empregaríase para asistencia social primaria.

A contía dedicada a Servizos Sociais inclúe tanto as partidas de persoal e subministracións como as destinadas ao financiamento de programas asistenciais e para colectivos en risco de exclusión social. Na relación de gasto destaca a partida de axuda no fogar, que suma entre as modalidades de dependencia e libre concorrencia, un total de 703.560 euros. Neste apartado atópanse tamén as axudas de emerxencia social (10.000 euros), o programa de educación familiar (9.300 euros) ou as actividades para a terceira idade, que contan cunha consignación de 11.000 euros.

Un millón en investimentos

O goberno local reforzará, ademais, a súa aposta por continuar mellorando as infraestruturas e servizos dos veciños e veciñas. Para logralo, o orzamento de 2024 incorpora obras por valor de 1.038.427,64 euros. A relación inclúe as obras financiadas a cargo do Plan Único da Deputación da Coruña e tamén a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader). Unha gran parte das intervencións servirán para reforzar as condicións de seguridade en vías e camiños mediante a mellora da capa de rodadura ou a creación de beirarrúas en Herves, Sergude, Quembre, Sumio e San Vicente.

O goberno mantén a súa aposta pola cultura

As actividades para promover a conciliación da vida familiar e laboral -campamentos de verán e programa madrugadores- en colaboración cos centros educativos, así como as de tipo cultural e deportivas seguirán sendo unha prioridade para o goberno local tal e como se recolle no documento económico.

O Concello manterá, así mesmo, o seu apoio ás familias e tamén á comunidade educativa, algo que conseguirá co aumento das partidas dedicadas á conciliación e ás bolsas de ensino.

Máis persoal

O documento económico de 2024 recolle un crecemento no capítulo de persoal, que chega ata os 2.216.920,18 euros. Desde o goberno local apuntan que co fin de garantir unha mellor atención á cidadanía, reforzarase o departamento de Obras e Urbanismo coa incorporación de dous obreiros e dun técnico.

Actualización da RPT

O pleno servirá, así mesmo, para elevar a actualización da Relación de Postos de Traballo -RPT-. Neste caso, exponse un cambio na relación de postos de traballo para adaptar o documento ás necesidades actuais da Administración local. Así, súmase a ficha correspondente ao persoal eventual e proponse modificar dous postos: por unha banda, o de administrativo/a de Intervención e o de auxiliar administrativo de Administración xeral.

Modificación da parada de taxis

Outro dos puntos que se elevarán ao pleno do luns será o cambio de localización da parada de taxis de Carral con motivo da execución inminente das obras na praza da Capela. A aprobación en pleno implicará a modificación desta parada, que pasará a estar situada na rúa Víctor Velasco.

O goberno local elevará, así mesmo, a proposta para solicitar á Deputación da Coruña unha subvención para a XX Festa do Pan de Carral.

A Xunta de Galicia reactivou onte as notificacións para levar a cabo queimas agrícolas por parte de particulares.

As persoas interesadas poderán comunicar as queimas de restos agrícolas achegándose á Concellería de Medio Ambiente do Concello de Carral, chamando ao 012 ou a través da ligazón.

A maiores, tamén se retomaron as solicitudes de autorización para efectuar queimas de restos forestais amoreados.

Podes consultar toda a información aquí.

Desde mañá venres, 22 de marzo, e ata novo aviso a Xunta prohibe as queimas agrícolas e forestais realizadas por particulares.

A decisión foi tomada tras valorar a evolución da situación meteorolóxica e analizar diferentes indicadores técnicos que inciden no risco de lume.

Quedan excluídas desa prohibición as queimas controladas que realiza o servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais.

Desde o Concello pedimos colaboración e extremar as precaucións, así como denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que teñades coñecemento.

Máis información na seguinte ligazón: xunta.gal