CARRAL SOLICITA Á XUNTA DE GALICIA QUE MANTEÑA A LIÑA DE BUS QUE VAI DE VILA DE CRUCES A A CORUÑA

posted in: Novas Concello | 0

O Concello de Carral remitiu un escrito á  Xefatura Territorial de  Mobilidade da Xunta de Galicia solicitándolle que manteña a liña de autobús que vai de Vila de Cruces a A Coruña e que, a pesar de presentar o goberno local alegacións contra a súa supresión, finalmente non se incluíu no Plan de  Mobilidade.

Este itinerario, que vai de Vila de Cruces a A Coruña e pasa por Mesía,  As  Travesas, Montouto, Figueroa,  Sarandóns, Carral e  Tabeaio é de vital importancia xa que por unha banda é o único que une  As Travesas con Carral e tamén é o que permite aos peregrinos do Camiño Inglés visitar A Coruña, un servizo moi demandado.

A supresión desta liña significará illar aos veciños e veciñas destes núcleos anteriormente citados dos centros de poboación máis importantes da zona como é Carral, lugar ao que por proximidade acoden moitos residentes de Figueroa e  Sarandóns (Abegondo) para ir ao médico, ao colexio ou mesmo a facer as súas compras.

Desde o goberno local inciden en que “no seu momento xa manifestamos a nosa oposición total á supresión desta liña, que cremos que é imprescindible. O rural precisa servizos e o único que se consigue con estas decisións é afastar á xente das zonas rurais”