CARRAL SACA A LICITACIÓN DOUS PROXECTOS PARA MELLORAR VÍAS POR IMPORTE DE PRETO DE 300.000 EUROS

posted in: Novas Concello | 0

A seguridade viaria segue sendo unha prioridade para o goberno local de Carral. Tanto así, que o Concello acaba de sacar a licitación dous proxectos de mellora de viais por preto de 300.000 euros. Estas obras financiaranse a cargo do POS+2019 da Deputación A Coruña, e supoñerán unha mellora na rede de camiños en varias parroquias do termo municipal. En concreto, o Concello sacou a contratación un plan de mellora de viais na parroquia de Veira e un segundo de acondicionamento de vías en camiños de Sumio, O Canedo e Tabeaio.

Por unha banda, na parroquia de Veira actuarase en dous camiños: no de Lago e no que conecta a Igrexa de Veira con Argonte. En ambos os casos, as intervencións consistirán na limpeza e perfilado de cunetas, ampliación dos viais, mellora da base mediante subministración e compactación de saburra artificial e acondicionamento da capa de rodadura con mestura asfáltica quente.

Polo outro, o Concello proxecta un segundo plan de actuación que se executará nos seguintes camiños: o que une Lamagal e Sandiás (parroquia de Sumio), o de Fornos (O Canedo) e nun terceiro situado no lugar de Cambela (Tabeaio). Neste caso, proxéctase a limpeza das cunetas, ampliación dos viais e a mellora tanto da base mediante subministración e compactación de saburra artificial como da capa de rodadura con mestura asfáltica en quente.

En ambos os casos, as empresas poderán presentar ofertas ata o 5 de xuño de 2020. Posteriormente, as obras deberán executarse no prazo de dous meses.