CARRAL REIVINDICA O PAPEL DAS MULLERES DO MUNICIPIO COA POSTA EN MARCHA DO PREMIO 8 DE MARZO

posted in: Novas Concello | 0

O novo equipo de goberno do Concello de Carral pon en marcha o novo proxecto Premio 8 de marzo, unha iniciativa coa que se busca conseguir varios obxectivos: por unha banda, visibilizar e poñer en valor o papel das mulleres do municipio e, polo outro, promover o seu empoderamento. Baixo estas premisas, o goberno local busca crear un espazo público de recoñecemento ás mulleres de Carral pola súa contribución en diferentes ámbitos –persoal, social ou profesional-.

O funcionamento do premio é sinxelo. Os veciños e veciñas, asociacións e entidades rexistradas no Rexistro Municipal do Concello de Carral poderán presentar como candidata a calquera muller vinculada ao municipio –xa sexa por nacemento ou por vinculación persoal, laboral ou profesional-. As candidaturas deberán presentarse no rexistro do Concello por escrito, e deberán ir acompañadas da seguinte documentación: biografía da candidata, xustificación da proposta e de calquera documento que apoie a súa proposta. O prazo de presentación de solicitudes rematará o vindeiro venres, 14 de febreiro.

Unha vez recibidas todas as candidaturas, un xurado elixirá á gañadora do recoñecemento. Ao non poderse constituír o Consello da Muller de Carral, o tribunal estará composto pola concelleira de Igualdade, por un ou unha representante de cada grupo político que se presentou ás últimas eleccións e por unha das traballadoras sociais do Concello.

Como broche final desta iniciativa, realizarase unha homenaxe en recoñecemento á elixida coincidindo coa celebración dos actos institucionais do Día da Muller.

Bases Premio 8 de marzo Concello de Carral