CARRAL RECUPERA A PROGRAMACIÓN PARA NENOS CON 8 ACTIVIDADES ENGLOBADAS DENTRO DO PROGRAMA PAPEQUES

posted in: Novas Concello | 0

Tal e como se anunciou no confinamento, o Concello de Carral continúa apostando por ofrecer actividades culturais a veciños e veciñas de todas as idades. Proba deste compromiso é o regreso do programa Papeques, que ofrecerá un total de oito actividades dirixidas aos nenos e nenas do municipio. Esta 3ª edición, que arrincará esta semana, comprenderá espectáculos e cine para público infantil e familiar.

O calendario de propostas comezará o xoves, 10 de setembro ás 18.00 horas, coa proxección da película Cavernícola na Casa da Cultura. O filme narra a historia de Dug quen, xunto co seu amigo Cerdog, unen á súa tribu en contra do arquienemigo Lord Nooth para salvar o seu fogar.

Papeques continuará o sábado, 12 de setembro ás 12.00 horas, no local Xente Nova de Tabeaio. Ese día terá lugar Ris Ras de Baobab Teatro, un espectáculo que fará viaxar aos cativos e cativas a través de música, xogos, enredos e historias tradicionais.

O programa seguirá o 17 de setembro ás 18.00 horas coa proxección da película Los pitufos: la aldea perdida. Na película, Pitufina e os seus irmáns practican sendeirismo polo descoñecido Bosque Encantado tratando de atopar un lendario pobo para os Pitufos.

Papeques ofrecerá, así mesmo, funcións musicais para os nenos e nenas. Dentro desta liña, a primeira acción chegará o sábado, 19 de setembro ás 19.00 horas, co concerto Uxía Lambona e a súa banda molona, da compañía de animación Troula. O espectáculo nace como un proxecto lúdico, musical e educativo que busca achegar aos máis pequenos e pequenas os temas tradicionais galegos dunha forma nova e atractiva. Para conseguilo, empregan novos estilos musicais como o ska, o rock e o hip-hop.

Ademais de música e cine, Papeques ofrecerá varios contacontos. O primeiro aterrará na Casa da Cultura o 22 de setembro ás 18.00 horas. María Canosa chegará a Carral coa historia Versos para perder medos, para nenos de 5 a 7 anos. Ao día seguinte, o 23 de setembro ás 18.00 horas, a Casa da Cultura volverá acoller un novo contacontos sensorial dirixido a bebés.

O xoves, 24 de setembro ás 18.00 horas, será a quenda de Trinketrinke, que traerá o seu contacontos O coelliño branco, que narra a historia de como Lili Gruyére atopou un coelliño branco e o levou para Lonxetodo. Falando con el, deuse conta de que o animal era o protagonista dun conto e que traballara moitos anos como axudante dun mago.

Animais de compañía, de Teatro do Noroeste, será a última proposta de Papeques. Será o sábado, 26 de agosto ás 19.00 horas, no local Xente Nova de Tabeaio. Trátase dunha fábula moderna sobre as relacións humanas e o respecto ás diferenzas.

O acceso aos espectáculos é de balde, pero as prazas son limitadas, polo que será precisa a inscrición ou a retirada previa de convites.

Papeques conta coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña, a través da súa Rede Cultural, e da Xunta de Galicia por medio de Ler conta moito Camiños de Cultura.

Cartel Papeques 2020.