CARRAL PREPARA O SEU XII DÍA DO PATÍN

posted in: Novas Concello | 0

A concellería de deportes espera xuntar a máis de 150 patinadores nesta xornada festiva que xa tradicional no outono carralés.

Cartel XII Día do PatínDentro da programación deportiva municipal, o sábado 30 de novembro, o Concello de Carral e o club de patinaxe Alquimia, organizan o “ XII Día do Patín” no Complexo Cultural e Deportivo de  Paleo. Este evento naceu hai xa 12 anos coa finalidade de fomentar unha práctica activa e saudable a través dunha disciplina deportiva que tantos “adictos” reúne en Carral.

Ao evento acudirán clubs, escolas, patinadores e afeccionados de toda a comarca, Culleredo, Arteixo, Laracha, A Coruña, Cambre, etc., e por suposto, Carral.  Con 68 patinadores  pre-rexistrados, esta actividade aumenta o seu número de participantes ano tras ano. Para aqueles que non teña os seus propios patíns, desde a organización prestaránselles uns para que todo o mundo poida probar e gozar desta xornada festiva.

A actividade comezará sobre das 16.00 da tarde e prolongarase ata as 19.00  h. Durante a xornada levarán a cabo actividades lúdico- formativas, como a decoración, mantemento e pintado de patíns e camisetas, proxección de campionatos da especialidade e documentais técnicos, clases de iniciación para aqueles novatos que nunca se puxeron uns patíns, xogos para os máis pequenos, elaboración de coreografías, etc.

Nesta edición tamén presentamos novas actividades como clases de iniciación ao  Skateboard,  Roller- fítness, etc., coa intención de achegar aos asistentes a gran variedade de actividades e rápida evolución que caracterizan este deporte.

A inscrición é totalmente gratuíta tanto para os clubs e escolas como para os patinadores individuais que se acheguen polo lugar.

Para máis información ou inscribirse, os interesados poden dirixirse á Casa da Cultura de Carral, no teléfono 981 672580 ou no  mail deportes@carral.es.