Carral, como municipio que forma parte da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, participará dunha andaina por un treito da ruta xacobea. Terá lugar en todos os concellos da asociación o sábado 4 de xullo ás 10:00 h.
En Carral o treito que farán os participantes dun xeito seguro será desde a área de descanso de peregrinos da Lameira, en Tabeaio, ata o cruce en Cañás do Camiño Inglés coa estrada CP-1704 a Cambre. Este percorrido, dun pouco máis de 3 km, realizarase nun tempo aproximado de 1 hora.
Para participar na andaina, as persoas interesadas deberán inscribirse antes do xoves 2 de xullo na Casa da Cultura, preferentemente chamando ao teléfono 981 672 580. As prazas son limitadas. As persoas participantes deberán facelo atendendo ás medidas de seguridade, levando máscara e chaleco reflector.
Esta iniciativa da Asociación de Concellos do Camiño Inglés desenvólvese coa intención de promover a ruta xacobea e a reactivación segura do Camiño Inglés.