CARRAL MERGÚLLASE DE CHEO NO VERÁN CO INICIO DOS CURSOS DE NATACIÓN NA PISCINA MUNICIPAL

Carral acaba de mergullarse, de cheo, na época de verán co inicio dos cursos de natación, que arrincaron hoxe, xoves 1 de xullo, e se prolongarán ata finais de agosto. Trátase dunha das propostas deportivas e de lecer que o Concello ofrece, ano tras ano, e que forma parte xa da axenda estival do municipio.

As sesións do mes de xullo contarán coa participación dun total de 30 nenos e nenas de entre 3 e 15 anos. Porén, os cursillos levaranse a cabo en dúas quendas con 15 usuarios e usuarias cada unha: a primeira terá lugar de luns a venres de 12.00 a 12.45 horas, mentres que a segunda será os mesmos días de 13.00 a 13.45 horas.

Co fin de garantir o cumprimento da distancia interpersoal entre os mozos e mozas, en cada quenda haberá, á súa vez, dous grupos.