CARRAL INAUGURA A TEMPADA DE VERÁN COA APERTURA DA PISCINA MUNICIPAL

Carral inaugura hoxe, venres 18 de xuño, a nova tempada de verán coa apertura da piscina municipal. O Concello abre a instalación despois de realizar as seguintes melloras: arranxo da soleira da piscina, poda das árbores para garantir unha maior claridade, encintado do vaso da piscina, limpeza da beirarrúa perimetral, cambio do material filtrante por nova tecnoloxía de cristal de vidro, arranxo das bombas de filtración, pintura do peche perimetral, etc. A piscina funcionará ata o 3 de setembro de 12.00 a 21.00 horas.

Como todos os anos, o Concello ofrecerá diferentes modalidades de abono. Ademais da entrada individual diaria –que contará con bonificacións para a 3ª idade e para as persoas menores de 18-, haberá abonos familiares. Os menores de 3 anos poderán acceder de xeito gratuíto.

A piscina funcionará cun protocolo de seguridade para previr contaxios pola covid-19. O aforo máximo da zona da praia será de 75 persoas, mentres que na propia piscina poderán estar 45 á vez. Co fin de garantir a distancia social, o Concello habilitou parcelas para os usuarios e usuarias. A desinfección das mans será obrigatorio, así como o emprego da máscara para circular pola instalación. Desde o Concello pregan aos usuarios e usuarias que eviten tocar barandas, obxectos e superficies.