CARRAL HOMENAXEA A ANTÓN FRAGUAS NAS LETRAS GALEGAS

posted in: Novas Concello | 0

O departamento de Cultura do Concello ven de instalar en diversos puntos de Carral, paneis divulgativos sobre Antonio Fraguas Fraguas, importante persoeiro da cultura galega ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.

Panel na Casa da Cultura Antón Fraguas - res baixaFraguas foi un dos principais investigadores nas áreas da historia, do folclore e da etnografía de Galicia. A súa obra é incontable e o seu activismo foi incansable, destacando como director do Museo do Pobo Galego, do que foi impulsor. En Carral o centro municipal de Formación leva o seu nome como recoñecemento á súa labor investigadora e divulgadora.

No mes das Letras Galegas. ademais dos paneis polas rúas, a Casa da Cultura acollerá unha exposición sobre Antón Fraguas, escolares de primaria e da ESO de Carral recibirán de agasallo da Concellería de Cultura exemplares dos libros Made in Galiza, de Sechu Sende, e O fillo do Rei e outros contos populares, e serán espectadores de Canta miña pedra canta a cargo de Xoán Curiel e Charo Pita, e de Language Planning de Os Quinquilláns.

O premio de poesía Concello de Carral é outro dos eventos importantes que se leva a cabo no marco das Letras Galegas. A vindeira semana o xurado elixirá a obra gañadora da 22ª edición do certame, facendo entrega do premio no acto que terá lugar o 31 de maio. O mesmo acto será o de presentación do libro As bicis, de Xabier Cid, gañador no 2018. Como colofón ao acto, actuará Teatro do Atlántico co seu espectáculo poético De abrentes e ocasos. Na mesma semana tamén terá lugar a entrega de premios e agasallos a todos os participantes dos concursos escolar e xuvenil de poesía.

É un completo programa de actividades que servirá para contribuír ao coñecemento da figura de Antón Fraguas e de promoción da nosa lingua e literatura.