CARRAL DESTINARÁ 400.000 EUROS DO PLAN ÚNICO Á MELLORA DAS INSTALACIÓNS DEPORTIVAS E Á SEGURIDADE VIARIA

O Concello de Carral celebrará este xoves, 4 de febreiro, un pleno extraordinario con carácter ordinario para dar luz verde ao Plan Único da Deputación da Coruña. Con cargo ao plan provincial, o goberno local propón dedicar preto de 400.000 euros á execución de varios proxectos que supoñerán unha mellora considerable nos servizos e infraestruturas para os veciños e veciñas. En concreto, as intervencións que o Concello prevé executar serán as seguintes: instalación de iluminación con tecnoloxía LED na DP-1704 (33.466,70 euros), ampliación do Centro Deportivo (189.950,01 euros), reforma interior do polideportivo do Vicente Otero (137.991,95 euros) e mellora da capa de rodadura nunha estrada de Tabeaio (35.327,80 euros).

En palabras do goberno local, “o obxectivo é seguir mellorando os servizos e dotacións dos carraleses e carralesas”. Baixo esta premisa, o executivo prevé a execución de dous proxectos que mellorarán as instalacións deportivas. Por unha banda, a ampliación do Centro Deportivo e, polo outro, a reforma interior do polideportivo do CEIP Vicente Otero Valcárcel.

Mellora das instalacións deportivas

Ata o de agora, a dependencia dispoñía dunha única aula para o desenvolvemento das actividades o que, tal e como explican desde o equipo de goberno, “dificultaba o uso desta dependencia por parte dos veciños e veciñas tendo en conta as restricións sanitarias actuais pola covid-19”. As actuacións do Concello supoñerán o incremento do espazo, a creación dunha zona de almacén e a colocación de renovadores de aire e climatización adaptados á instalación nos vestiarios. Estas intervencións implicarán, ademais, a recolocación do acceso ás pistas de pádel e a rehabilitación e acondicionamento da pista multideporte actual.

No caso do polideportivo do colexio, as obras consistirán na substitución do pavimento actual, na creación dun almacén e na reforma dos vestiarios.

A intención do goberno local é completar estes traballos coa instalación dun montacargas no polideportivo que favoreza a accesibilidade das persoas con mobilidade reducida.

Plan Complementario

A maiores, levará a pleno a aprobación do Plan Complementario provincial, no que o Concello incluíu cinco proxectos: o reforzo do firme e a canalización da drenaxe de augas pluviais na estrada que une a DP-1704 con Soavila (Cañás), a rehabilitación da pista polideportiva de Tabeaio e espazos anexos, a mellora da capa de rodadura en vías de Paleo e Beira, a humanización e mellora da rúa Paleo –fronte ao centro médico- e a mellora e humanización da rúa Río Canle. Estas actuacións contan cunha asignación de 303.000 euros.