CARRAL DESTINARÁ 112.406 EUROS DO PLAN ÚNICO A REFORZAR O SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR E EMERXENCIA SOCIAL E Á CONTRATACIÓN DE PERSOAL

posted in: Novas Concello | 0

O Concello de Carral investirá 112.406 euros procedentes do Plan Único reforzar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), emerxencia social e a contratar máis persoal para o departamento de Servizos Sociais. O obxectivo desta proposta non é outro que “aumentar as partidas de gastos sociais para facer fronte á situación derivada da pandemia da covid-19”, tal e como explican desde o goberno local. Este punto foi aprobado por unanimidade dos votos da corporación municipal.

Así mesmo, a sesión plenaria serviu para dar luz verde, tamén por unanimidade, ao Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña. Con cargo ao plan provincial, o goberno local propuxo dedicar preto de 400.000 euros á execución de varios proxectos que supoñerán unha mellora considerable nos servizos e infraestruturas para os veciños e veciñas. En concreto, as intervencións expostas polo Concello foron as seguintes: instalación de iluminación con tecnoloxía LED na DP-1704 (33.466,70 euros), ampliación do Centro Deportivo (189.950,01 euros), reforma interior do polideportivo do Vicente Otero (137.991,95 euros) e mellora da capa de rodadura nunha estrada de Tabeaio (35.327,80 euros).

Plan Complementario

O Plan Complementario inclúe, ademais, as seguintes intervencións: o reforzo do firme e a canalización da drenaxe de augas pluviais na estrada que une a DP-1704 con Soavila ( Cañás), a rehabilitación da pista polideportiva de Tabeaio e espazos anexos, a mellora da capa de rodadura en vías de Paleo e Beira, a humanización e mellora da rúa Paleo –fronte ao centro médico- e a mellora e humanización da rúa Río Canle. Estas actuacións contan cunha asignación de 303.000 euros.

Plan de Prevención contra vos Incendios

O pleno aprobou, de forma provisional, o Plan Municipal de Prevención contra vos Incendios Forestais, que non recibiu ningunha alegación durante o período de información pública. Neste documento, delimítanse as zonas con maior risco, perigo ou vulnerabilidade ante un incendio para unha maior prevención. A proposta foi aprobada por unanimidade dos votos.